1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 15
22/01/2011 CAFÉS TOSCAF 29 – CALVO XIRIA 30
Cafés Toscaf 29 (13+16): De las Heras [p], David (5), Jonathan (5), Eduardo (1), Camilo (4), Avelino (2), Jorge (6) -equipo inicial- Isaac [p], Alejandro (2), Adrián (1), Rubén (1), García (1), Pablo e Alberto (1).
Calvo Xiria 30 (18+12): Iago [p], Cuco (1), Borja (5), Jesús (1), Álex García, Manu (2), Dubra (2) -equipo inicial- Kike[p], Pablo (9), David (6), Fer (1), Álex Zas (3) e Ramón.
Colexiados: Gonzalo González Martínez e María Ángeles Madrazo Viadero (Federación Territorial de Cantabria).
Marcador: 1-2, 5-6, 7-9, 10-11, 11-13, 13-18 (descanso); 14-20, 17-21, 20-23, 23-25, 26-28, 29-30 (final).
7 metros: Cafés Toscaf: 4 / 4 ### Calvo Xiria: 2 / 3
Partido entre dous equipos alonxados na táboa clasificatoria pero que na primeira xornada da segunda volta acadaron vitorias avultadas, baseadas nun bo xogo, ante o cuarto e quinto clasificados respectivamente, o que facía que chegasen a este encontro coa moral a tope e quizais no mellor momento da tempada. Mais nada disto se reflectiu na pista ata chegar ao minuto vinte do encontro, xa que nos primeiros compases as continuas imprecisións nos ataques lembraban ao partido da primeira volta.
Todo cambiou ao redor do minuto vinte, o Calvo elevou considerablemente a súa intensidade defensiva e tres contraataques consecutivos rompían a igualdade levando aos carballeses a acadar unha diferenza de cinco goles no momento no que a bucina asubiaba o tempo de lecer, pola contra os avilesinos non atopaban o sitio na pista e nada podían facer ante unha defensa visitante que non deixou de elevar o seu nivel neses dez últimos minutos.
Á volta dos vestiarios nada facía presaxiar un cambio de escenario, pois o Xiria chegou a ter sete goles de vantaxe, 14-21, co que semellaba que a segunda metade sería un mero trámite. Nada máis lonxe da realidade, enfronte tiña un equipo que non deixa de buscar as súas opcións en cada encontro, nin son froito da casualidade a racha de catro vitorias consecutivas coa que se presentou a este partido nin o xogo que desprega na cancha é propio dun equipo que pechou a clasificación durante boa parte da primeira volta. Axustando a súa defensa e aproveitando o desconcerto nas filas do Calvo Xiria ante a imposibilidade de aproveitar unha situación de vantaxe numérica, unido á descualificación de Cuco cunha vermella directa, conseguiron entrar no partido e chegaron a acadar un empate a 28 no minuto 56. Mais ao final o premio foi para os carballeses que souberon aproveitar mellor os derradeiros ataques.
Dous novos puntos que manteñen ao Calvo Xiria nos postos altos da táboa clasificatoria. A vindeira xornada vivirase no Pavillón Municipal Vila de Noia o derbi provincial ante o OAR da Coruña, nun de seguro entretido partido, será o sábado 29 de xaneiro ás 19:00 horas.