12/01/2008 CALVO XIRIA 27 – BM CISNE GRUPO PIRSA 21
Calvo Xiria (14+13) 27: Quique, Pombo, Cuco (7), Roberto (5), Fernando Vázquez (3), Bruno (2) e Alex (2) –equipo inicial- Iago, Cristophe (2), Chimpo, Sebastián (2), Jesús (2), Pablo (2) e Manuel.
Cisne (9+12) 21: Eduardo (1), Víctor (4), Héctor (2), Quintáns (1), Guillermo (4), Tsybanev (2) e Parcero -equipo inicial- Galán, Borja, Víctor García, Pablo (4), David, Rubén (2) e Nicolás (1).
Árbitros: Patricia del Río e Marcelo del Río. Ben. Sen complicacións.
O Calvo Xiria sumou unha nova vitoria en liga ao derrotar ao Cisne no Pavillón Muncipal da Zona Escolar por un concluínte 27-21. Non xogou un bo partido o conxunto carballés a quen, o exceso de relaxación, houbo de costarlle un desgusto na segunda metade. O partido comezou moi igualado e ambos conxuntos intercambiaban golpes nun comezo no que Quique e Eduardo, nas dúas porterías, se erixían como protagonistas do choque. Tardou o Calvo Xiria en entrar no partido e só no último tercio da primeira metade foi quen de meterlle man a un Cisne que non deixou unha boa imaxe en Carballo. O acerto goleador de Cuco en ataque e a gran actuación de Quique na portería bastábanlle aos carballeses para irse ao descanso cunha cómoda renda de cinco goles (14-9). O Cisne acusaba a lesión do seu mellor xogador, Eduardo, mentres que o Xiria tamén vía como Bruno se tiña que retirar por mor dunha escordedura no pulso. O mal día en ataque dos extremos locais privou ao Calvo Xiria de irse aos vestiarios cunha renda máis ampla.
A segunda metade comezou ben para un Xiria que, cun parcial de 3-1, lograba a máxima renda do encontro nos primeiros minutos (17-10). A boa defensa e a saída en rápidos contraataques facía prever un encontro cómodo para os locais pero, a partir dese momento, os carballeses relaxáronse moito e deron vida a un Cisne que non desaproveitou a oportunidade de meterlle o medo no corpo ao Calvo Xiria. Un parcial de 1-7 en apenas sete minutos achegaba aos visitantes a tan só un gol dos de Carballo mediado o segundo tempo (18-17). O Calvo Xiria soubo entón manter a calma e rapidamente colleu unha renda de tres goles (21-18) que fixo máis cómoda a disputa da recta final do encontro. A gran actuación de Quique na portería local impediu claquera intento de achegamento dos pontevedreses, que tiveron que renderse nos últimos minutos á superioridade que demostrara o Xiria ao longo de case todo o encontro. Ademais do importante papel de Quique, é xusto salientar a actuación de Cuco e Alex no centro da defensa carballesa e na finalización de varios ataques, nun día que non estaba para os extremos nin a primeira liña. A vitoria ten que dar un extra de moral e confianza para afrontar o decisivo choque dentro de sete días en pista do líder, a SAR de Redondela.