Calvo Xiria 29 – Lavadores 23

Crónica do Calvo Xiria 29 – Lavadores 23
Manuel Rey / 11 Marzo 2014
LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 21

CALVO XIRIA 29 – LAS CINCO JOTAS LAVADORES 23

Calvo Xiria 29 (16+13): Iago [p], Ramón (4), Sergio (2), Chimpo (9), Gonzalo (3), Brais, Manuel (4) – equipo inicial- Naya [p], Zúpez [p], Calvete (1), Martín (5), Iván, Javier (1), Rubén.

Las Cinco Jotas Lavadores 23 (11+12): Diego [p], Mario (2), Alonso (3), Miguel (1), Carrera (4), Corcera (3), Rivas (3) – equipo inicial – Daniel [p], Pablo (2), Alfredo, Aaron (3), David (2).

Colexiados: Sergio Rodríguez Estévez e Andrés Rosendo López do colexio galego. Excluíron aos xogadores locais Manuel (1´), Gonzalo (13´), Brais (17´e 58´) e Ramón (34´e 46´). Polo bando visitante excluíron a Alonso (12´), Miguel (26´) e Carrera (59´).

Marcador: 4-1, 6-3, 10-5, 12-8, 14-10, 16-11(descanso);17-13, 19-14, 20-16, 22-19, 25-21, 29-23

7 metros: Calvo Xiria: 2 / 3 ### Las Cinco Jotas Lavadores: 3 / 5

A pesares de iniciarse o encontro con pouco público, ao final xuntáronse preto de 300 siareiros. Disputouse na tarde do sábado a vixésimo primeira xornada da liga de 1ª Estatal na que o Calvo Xiria acadou dous puntos ante o Lavadores nun partido que controlou dende o asubío inicial. De inicio presentábanse moitas complicacións para o Xiria xa que chegaba moi mermado na súa primeira liña: á baixa de Pablo tras a súa fichaxe polo Cangas uníanse as de Zas e Jorge. Tampouco Chimpo estaba nas mellores condicións físicas, mais non foi impedimento para que fose o máximo goleador do encontro.

Non todo eran malas novas xa que Manuel era de novo da partida e entraba na convocatoria o xuvenil de primeiro ano Iván Campos facendo un bo papel nos minutos que tivo. A resposta ante esta situación dos xogadores carballeses foi sobresaínte, saíndo ao encontro moi centrados, o que se traduciu en acadar un diferenza de tres goles aos dez minutos de xogo e que non so mantiveron senón que a foron aumentando paulatinamente. A defensa e a portería foron vitais para acadar o triunfo ante un equipo con oficio e que non se rendeu ao longo dos sesenta minutos, mais desta volta a necesidade de acadar os puntos para manter a súa posición privilexiada xogou a favor dos carballeses máis intensos que o seu rival.

En ataque é moi destacable o reparto de responsabilidades, con todos os xogadores ao mesmo ritmo e co mesmo obxectivo: darlle o balón ao xogador en mellor posición para lanzar. O esforzo do colectivo foi, de novo, a mellor arma do Calvo Xiria, no que debe de ser a liña a seguir nas cinco xornadas de liga que quedan. O vindeiro sábado xogará en Pontevedra ante o Cisne Bm nun partido que se presume moi complicado para os intereses carballeses.