Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

Calvo Xiria perde a imbatibilidade en Chapela

Un Calvo Xiria negado de cara ao gol non puido manter a súa condición de invicto ante o Bm. Chapela que se levou os dous puntos, o que fai que…

Un Calvo Xiria negado de cara ao gol non puido manter a súa condición de invicto ante o Bm. Chapela que se levou os dous puntos, o que fai que ambos conxuntos empaten a puntos no máis alto da táboa clasificatoria.
Quince goles son moi poucos para un equipo coma o carballés, pero o pasado sábado o mellor xogador do partido foi Suso Soliño, porteiro local, que foi un verdadeiro pesadelo para os lanzadores do Xiria. Dezaseis lanzamentos cómodos dende os seis metros e catro sete metros foron marrados, ou parados polo protagonista do partido. Falar de outros factores parece que non é procedente para explicar esta derrota sen paliativos, pero dende logo que xogar contra un equipo da veteranía e dureza do Chapela sen estar a plantilla ao 100% fai que sexa un empresa de moita dificultade. Veteranía porque cando leva o marcador a favor sabe marcar o ritmo de xogo que mellor lle vai, e tamén porque cando os seus dous centrais defensivos, básicos no seu sistema, chegaron ás dúas exclusións aínda con moitos minutos presionaron en cada acción á parella arbitral para evitar a súa descalificación. E dureza porque quizais xa no primeiro minuto Arkaitz Vargas cometiu unha acción contra Martín que se saldou con exclusión e ben podería ter sido algo máis.
Esta derrota tamén debería facer valorar, aínda máis se cabe, o excepcional arranque dos carballeses, xa que até esta xornada parecía que todo o que estaban a facer era doado. E nada máis lonxe da realidade, pois so con moito traballa e entrega por parte dos xogadores se pode explicar unha racha coma a que levaba o Calvo Xiria.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal de Chapela con preto de 300 seareiros nas bancadas. Colexiados: Aitor Cano Ramos e Laín Montes Grande do colexio castelán – leonés. Castigaron con exclusión a Arkaitz Vargas (1´, 34´), Pablo Casal (18´, 26´), David Escudero (37´) por parte local, namentres polo Calvo Xiria foron sancionados Manuel Méndez (2´), Sergio Facal (14´), Ramón Suárez-Pumariega (53´), Carlos Vilanova (57´) 7 metros: Bm. Chapela 6//6, Calvo Xiria 3//7. Marcador cada 5 minutos: 2-0, 4-0, 7-3, 7-4, 8-5, 11-6, descanso, 14-8, 16-10, 18-11, 19-132, 22-14, 26-15.

CONSTRUCCIONES CASTRO BM. CHAPELA 26 (11+15): Jesús Soliño [p], Anxo Taboas [p], Arkaitz Vargas (3), Pablo González, Cristian Deiro, José M. Cid (9), Enrique Fernández, Leonardo Domínguez, Roberto Couso (1), Rubén Gómez (2), Pablo Orge (3), Pablo Martínez, Pablo Casal, Jorge Fontenla (6), David Escudero (2).

CALVO XIRIA 15 (6+9): Martín Gómez [p], Iago Gómez [p], Carlos A. Lema (1), Javier Rodríguez, Brais Puñal, Manuel Méndez (2), Sergio Facal, Julián López, Uxío Batán (3), Ramón Suárez-Pumariega, Martín Alfeirán (3), Pablo Iglesias (2), Carlos Vilanova (3), Iván Calvo (1).