CAMPIONATO DE ESPAÑA XUVENIL MASCULINO

CARBALLO – 27, 28 E 29 ABRIL 2012

EQUIPOS:
IFECGAS PEREIRA XIRIA (1º GALICIA),
CUATRO RAYAS VALLADOLID (2º CASTELA-LEÓN),
BIDASOA IRÚN (3º EUSKADI),
DOSA SALESIANOS (1º CANTABRIA)

Colexiados:
Matías Muñiz e Daiel Esparza (Navarra)
Juan F. Cereceda e José C. Friera (Asturias)

A fase do campionato de España, que se celebrou a pasada fin de semana en Carballo, foi unha experiencia única e irrepetible. O Pavillón Vila de Noia estivo cada día con un aforo impresionante, sobre todo nos partidos do equipo carballés. Neste marco, xuntáronse familiares, xogadores, ex-xogadores, directivos, patrocinadores…. e un sen fin de seguidores do balonmán de toda Galicia, así como acompañantes dos equipos que viñan de fora da nosa comunidade autónoma.

IFECGÁS PEREIRA XIRIA – BIDASOA IRÚN
Foi un partido de poder a poder, precioso para os seareiros que se deron cita nas bancadas dende o primeiro momento. Os xogadores de Xiria comezaban mandando no marcador nos primeiros compases (4-1), aínda que a calidade e a contundente retagarda dos vascos respondían de inmediato para que as distancias non fosen maiores. Un parcial de 1-6 facía posible que o 11-7 a prol dos carballeses se convertera nun 12-13 cando os equipos se retiraron os vestiarios. Os de Irún escapábanse de tres goles na reanudación, pero Xiria contestaba de novo para igualar un marcador que se dilucidou nos últimos compases a favor dos foráneos polas imprecisións dos bergantiñáns neses minutos (25-27)

IFECGAS PEREIRA XIRIA – CUATRO RAYAS VALLADOLID
Partido decisivo para os do Ifecgás Pereira cara a seguir tendo opcións de acadar o primeiro posto ao final do campionato. Saíron os nosos a por todas dende o inicio e impuxeron un ritmo difícil de seguir polos casteláns. Os de Valladolid non eran quen de impoñer a súa maior envergadura e xa ao descanso perdían por 17-13. Na reanudación os carballeses romperon o partido como máis lles gusta, defendendo con intensidade e correndo, para firmar un marcador final contundente (36-24).

IFECGAS PEREIRA XIRIA – DOSA SALESIANOS
O Bidasoa perdera anteriormente contra o Cuatro Rayas Valladolid e os de Xiria dependían de gañar o partido fronte aos cántabros para proclamarse campións do sector. Ante tal feito, a grada vibraba de emoción e os rapaces saíron ao parqué do Vila de Noia a “comerse” ao equipo rival. O xogo dinámico e a defensa en anticipación facían que os locais mandaran en todos os aspectos do xogo, e xa no descanso prevíase a festa do final: (15-10). Na segunda parte, tal e como acontecera no día anterior, o Xiria rompía o encontro apoiándose na súa maior resistencia e velocidade, para deleitar a toda unha afección ao final dos sesenta minutos: (34-20).
O título de campión do intersector nacional, ven acompañado co trofeo conquerido polo noso Zúpez como mellor porteiro do campionato e por suposto con unha chea de orgullo e ledicia para a vila de Carballo e os seareiros das Escolas de Balonmán Xiria.

GOLEADORES DO IFECGÁS PEREIRA XIRIA NO CAMPIONATO:
Miguel: 18, Martín: 14, Bouzas: 12, Javi: 12, David: 11, Calvete: 5, Rubén Gómez: 4, Mario: 4, Edu: 3, José: 1