CLÍNICA DEZA BM. LALÍN 29 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 28

Clínica Deza Bm. Lalín: 29 (14+15): Xoan, Ramón (6), Martín (7), Adrián (5), Lisarrague (2), Rubén (3), Luís (3) -equipo inicial- José (2), Iago, Alberto, Batán, Pedreira (1), Santi.

Ifecgás Pereira Xiria: 28 (15+13): Igor, Luís, Iago (6), David (10), Miguel (6), Mario (4), Cristian -equipo inicial- Alvarito, Dani, Jorge Viñas, Martín, Joaquín (2), Jorge Docampo.

Colexiado: Lucas Crespo e Pablo Álvarez.

Na 5º xornada de liga na División de Honra xuvenil o Ifecgás Pereira Xiria saíu derrotado do Lalín Arena fronte un equipo, o Bm Lalín que, cando tiña practicamente o partido perdido, mostrouse certamente combativo para voltear o marcador ao seu favor nos derradeiros minutos do choque. Un encontro que foi moi vibrante pola sua igualdade durante gran parte do mesmo.

Dende o primeiro momento, a tónica do marcador, durante a primeira metade, foi a igualdade. O Ifecgás Pereira mostraba a sua maior calidade no ataque posicional, pero, por contra, non era quen de frear os ataques lentos e ben elaborados tacticamente por parte dos de Lalín. A batalla foi constante movéndose en guarismos máis ben curtos. No descanso o electrónico sinalaba un 14-15 a prol dos de Carballo.

O equipo carballés aproveitou a segunda parte para distanciarse no marcador. Baseándose na súa defensa, interceptaba un tras outro balón, o que supoñía rapidos contraataques que posibilitaban que os foráneos chegaran ao meridiano deste segundo acto con cinco goles de diferenza ao seu favor. Iso facía presaxiar un desenlace favorable para o Xiria. Pero a sorpresa saltou cando os dezanos, que parecían vencidos, sacaron casta e coraxe e espouleados polo seu público foron pasiño a pasiño recurtando as diferenzas para poñerse por diante nos últimos minutos, feito que, á postre, sería definitivo. O encontro remataba con un 29-28 para os seus intereses.

Na próxima xornada o Ifecgás Pereira Xiria recibira a visita do Seis do Nadal Coia de Vigo. O encontro disputarase o domingo, 14 de novembro, ás 12.15 h, no Pavillón Carballo Calero da capital bergantiñá.