CONSERVAS BOYA CAMARIÑAS 27 – CALVO XIRIA 29

31/03/2007 CONSERVAS BOYA CAMARIÑAS 27 – CALVO XIRIA 29
Conservas Boya Camariñas (13+14) 27: Cristian (1), Alan (4), Felipe (3), Borja (6), Fabián (6), José Ramón (1) e Anxo – equipo inicial – Alberto Ogando (1), David (1) e Alberto (4).

Calvo Xiria (12+17) 29: Iván, Cristophe (4), Queco, Cuco (1), Hernán (2), Joaquín (4) e Aitor (4) –equipo inicial- Quique, Ángel (2), Fernando Vázquez (5), Chimpo (1), Pablo (3), Pombo (3), e Manuel.

Colexiados: Jimeno e Rodríguez. Irregulares.

O Calvo Xiria logrou a victoria no partido que lle enfrontou ao Camariñas no Pavillón da Ponte do Porto. Ao descanso, o conxunto local mandaba no marcador (13-12).

O partido respondeu ao que se esperaba dun derbi entre Camariñas e Xiria e, lonxe de ofrecer un bo xogo por parte de ambos conxuntos, si tivo emoción, dureza e, sobre todo, moita igualdade. Os colexiados Jimeno e Rodríguez quixeron atallar calquera tipo de complicación dende o pitido inicial e, dúas exclusións consecutivas de Cuco e Hernán permitían coller ao Camariñas unha ventaxa de 4-1 nos primeiros compases de partido. Con igualdade numérica en pista, o Calvo Xiria soubo reaccionar e non tardaría en devolver a igualadade ao marcador, que perduraría durante todo o primeiro tempo. A tensión dun partido destas características parecía bloquear tanto a Camariñas coma Xiria nas súas accións ofensivas, con moitas imprecisións no xogo de ataque que non permitían a ningún dos dous equipos distanciarse no luminoso. Medidado o primeiro tempo, unha polémica decisión dos colexiados deixaba ao Camariñas cun xogador menos, ao botar a José Ramón con cartón vermello directo por abortar un contraatque de Joaquín. Non parecía expulsión, pero o baremo imposto polos colexiados dende o principio do partido obrigoulles a tomar esta decisión. O Camariñas acusou a baixa, que deixaba a Geno con só a posibilidade de cambiar a tres xogadores de pista durante o que restaba de encontro.

O Calvo Xiria saiu mellor na segunda metade e pronto tomou ventaxa no marcador. Mediada a reanudación, e contando cun par de situacións de superioridade numérica, o equipo de Marcos Rodríguez non soubo dar a puntilla e desbaratou esas accións cun xogador máis. O Camariñas si soubo reaccionar para igualar o partido cando só faltaban dez minutos para o final e deixar aberto un choque, ata ese momento, moi emocionante. O Calvo Xiria soubo manter a cabeza máis fría nesa recta final e, amparado cunha excepcional actuación de Iván baixo paos, logrou coller unha renda de tres goles que sería insalvable para o conxunto local. Geno dispuxo nos últimos minutos unha defensa individual que complicou os ataques do Xiria, pero unha última exclusión do local David facilitou o triunfo dun Calvo Xiria que conserva así a terceira praza da clasificación. Pese a ser un partido tenso e, ás veces duro, os xogadores dos dous equipos amosaron unha deportividade exquisita ao remate do encontro.