O Calvo Xiria completou unha intensa fin de semana con dous encontros en menos de 24 horas, dúas probas moi diferentes que serviron para continuar engraxando a maquinaria de cara ao comezo da tempada. Máis aló dos resultados, o principal obxectivo foi acumular minutos, repartir esforzos e trasladar á pista o traballo destas primeiras semanas de preparación.
O venres, o conxunto carballés recibiu ao BM Atlántico no Vila de Noia no primeiro test da pretemporada. O Calvo Xiria impúxose por 30-26 nun amigable disputado con moito ritmo e intensidade, a pesar de atoparse ambos equipos aínda en plena fase de construción. Como é habitual a estas alturas, Adrián Dubra aproveitou o encontro para realizar numerosas probas, repartir minutos entre os seus xogadores e ensaiar diferentes alternativas tanto en ataque como en defensa. O partido permitiu comezar a recuperar sensacións competitivas e comprobar a evolución do grupo despois das primeiras sesións de traballo. Atlántico expuxo unha boa oposición e obrigou ao Xiria a manter a concentración para pechar o amigable con vitoria.
Sen apenas tempo para recuperar, o equipo afrontou o sábado o seu segundo compromiso da fin de semana, esta vez ante o Automanía Luceros nos cuartos de final da Copa Galicia. O encontro, disputado en O Gatañal, terminou con triunfo local por 27-24.
O Calvo Xiria competiu de igual a igual durante boa parte do choque. Tras un inicio equilibrado, os dous equipos chegaron ao descanso con empate a 13. Os carballeses mantiveron o pulso durante os primeiros minutos da segunda metade e mesmo se colocaron por diante mediado o período, pero Luceros conseguiu abrir unha pequena brecha no tramo final. O 25-20 alcanzado a falta de cinco minutos terminou sendo decisivo, aínda que o Xiria non deixou de competir e reduciu a diferenza ata o 27-24 definitivo. David García Pichel, con seis goles, e Julián García Cobelo, con cinco, encabezaron a anotación do Calvo Xiria. Saúl Fuentefría, Hugo Rodríguez e Senén Garea achegaron dous tantos cada un nun partido que volveu servir para distribuír responsabilidades e seguir dando rodaxe a todo o persoal.
O balance da fin de semana deixa unha vitoria e unha derrota, pero, sobre todo, dous encontros de gran utilidade para continuar axustando pezas. Con moitos minutos acumulados nun espazo de tempo reducido, probas en diferentes situacións e marxe aínda para crecer, o Calvo Xiria segue avanzando na súa preparación coa mirada posta en chegar ao comezo da competición coa maquinaria ben engraxada.
Plantel Calvo Xiria tempada 26/27:
Porteiros: Antonio Mato, Darío Calviño, Samuel Soneira
Primeiras líneas Líneas: Gabriel Castiñeiras, David García, Marcos Varela, Chimpo Rodríguez, Nico Cancela, Pablo Veiga, Julián García.
Pivotes: Diego Gago, Samuel Veiga, Julián López, Andrés Pombo
Extremos: Saúl Fuentefría, Senén Garea, Chema Negreira, Daniel Periscal, Jorge Bouzas


