O Calvo Xiria continúa crecendo en pretempada con vitoria ante o BM Culleredo

O Calvo Xiria continúa crecendo en pretempada con vitoria ante o BM Culleredo

O Calvo Xiria continúa avanzando na súa preparación para a tempada 2026-2027. O conxunto dirixido por Adrián Dubra impúxose este venres ao BM Culleredo por 28-23 no pavillón municipal Vila de Noia de Carballo, no terceiro encontro da pretemporada.

Máis aló do resultado, o choque volveu cumprir co principal obxectivo destas primeiras semanas de traballo: seguir acumulando minutos, repartir cargas e trasladar á pista os conceptos técnico-tácticos traballados durante os adestramentos. Foi un novo test esixente para un Calvo Xiria que continúa en pleno proceso de construción. O corpo técnico aproveitou o encontro para realizar diferentes probas, repartir minutos entre o persoal e continuar axustando mecanismos tanto en ataque como en defensa. O equipo deu un paso máis dentro dunha pretemporada na que o resultado queda nun segundo plano fronte á necesidade de engraxar ao grupo e chegar nas mellores condicións posibles ao comezo da competición oficial.

Para o encontro, Adrián Dubra contou cos porteiros Darío Calviño e Antonio Mato, alén de Chema Negreira, Senén Garea, Jorge Bouzas, Saúl Fuentefría, Daniel Periscal, Diego Gago, Samuel Veiga, Chimpo Rodríguez, Pablo Veiga, David García, Julián García, Gabriel Castiñeiras, Nico Cancela e Desale López como xogadores de pista.

Unha das notas máis positivas da xornada foi precisamente o debut de Desale López. O xuvenil de primeiro ano tivo a oportunidade de estrearse co primeiro equipo e disputou toda a segunda parte, sumando unha experiencia importante dentro da aposta do club por seguir achegando aos mozos xogadores á dinámica do conxunto sénior. No apartado ofensivo destacou Chimpo Rodríguez, que terminou o encontro como máximo realizador do Calvo Xiria con oito goles. O 28-23 final supón un novo paso adiante na preparación do equipo carballés. Tres partidos de pretemporada que están a permitir aumentar progresivamente o ritmo competitivo, probar diferentes alternativas e continuar construíndo as bases do Calvo Xiria que afrontará a nova tempada.

Próximo encontro da pretempada continuará o xoves 27 de agosto, novamente no Vila de Noia, onde o Calvo Xiria recibirá ao Club Balonmán Línea21 de Mesoiro. Será unha nova oportunidade para seguir sumando minutos, axustando pezas e aumentando progresivamente o nivel de esixencia antes do inicio da competición oficial.