Dous puntos en xogo ante a SAR de Redondela

Disputa o Calvo Xiria este sábado ante a SAR de Redondela un choque que xa é un clásico da Primeira Estatal. Non deberá de ter a máis mínima confianza o conxunto carballés, pois pensar no avultado resultado acadado na primeira volta sería unha situación moi perigosa para acadar os puntos en xogo, xa que os xogadores redondeláns terán gañas de amosar o equipo que realmente son.
Dende a defensa e portería debe de cimentar as súas opcións de vitoria o Xiria para poder acadar goles en rápidas transicións. E no eido ofensivo deberán os locais progresar na melloría amosado nos dous últimos choques. O partido dará comezo ás 18:00 no Pavillón Municipal Vila de Noia.
Este fin de semana, o Laber Xiria afronta o partido contra o BM. Bueu en horario de tarde, concretamente o Sábado ás 16:30, xusto antes do enfrontamento de 1ª Nacional entre o Calvo Xiria e a SAR de Redondela. Os xuvenís de E.BM. Xiria inician o último tramo de liga co obxectivo de clasificarse entre os catro primeiros, postos que dan opción a xogar a fase para acceder ao campionato de España. Este fin de semana o rival será o conxunto buenense, último clasificado do campionato e que aínda non estreou a súa marcadora de vitorias. Fuxir da confianza e afrontar o partido coa máxima concentración e tensión competitiva, antóllase vital para evitar sorpresas de fronte ao marcador final.

E o domingo xogan os outros dous equipos da división de honra, será no Vila de Noia fronte ao Bm Chapela. Abrirán a xornada os infantís, ás 10:30. E o fará ante un equipo con gran capacidade anotadora,ao abrigo do xogo da súa segunda liña, que non dubidan á hora de lanzar desde calquera posición e con pouco ángulo. Deberá estar atento, o Garaysa, na parcela defensiva e non deixar pensar aos xogadores con balón; con continuas disuasións e mobilidade que lles permitan pechar espazos entre todos os xogadores. En ataque, mover o balón con velocidade até conseguir que un compañeiro quede libre e aproveitar os lanzamentos, tratando sempre de gañar ángulo.
E ás 12:00 quenda para o Grupo Lemaco Xiria que tentará volver á senda da vitoria, será imprescindible a mobilidade de balón e de xogadores co gallo de minimizar as baixas dos lanzadores exteriores do equipo. A anticipación e axudas en defensa permitirán a saída ao contraataque, que debería ser unha das armas fundamentais dos carballeses este domingo.

As ligas territoriais, están a chegar ao seu fin. Penúltima xornada de liga, que empeza o sábado coa disputa, en Santiago, no pavillón Quiroga Palacios ás 10:00, onde o Marmolería José Rey Xiria viaxa para enfrontarse ao Ribadosar.
E o domingo as de Punta del Este Xiria viaxan até Santa Comba, para enfrontarse ao Bm Xallas B, no pavillón de Fontela ás 10:30.