Dúas caras do Laber Xiria en Lalín e unha segunda parte vibrante.

O frío clima da comarca dezana, avanzaba na mañá do Domingo o talante co que os xuvenís de Xiria ían entrar no 40×20 do Lalín Arena. Un conxunto, o carballés, que se xogaba moito despois da derrota pola mínima a semana pasada, pero que parecía que aínda naufragaba nos repetidos erros de fai sete días.

Os máis pesimistas daban por rematado o encontro apenas disputados quince minutos e é que no paso polo meridiano do primeiro acto, os locais xa dominaban por 10-3 ante un Laber inoperante. Dous tempos mortos esgotados nos primeiros 20´ (13-6) polo adestrador visitante e un cambio a xogo con dous pivotes, onde se lucía especialmente o cadete Ronaldo Durán, mantiñan vivas as esperanzas de remontada para o equipo bergantiñán despois dun 3-6 de parcial que os metía no envite ao fío do descanso (16-12).

Foi na segunda parte cando o Laber Xiria máis creu na remontada. Agora si víase a un conxunto competitivo, a uns xogadores intensos e concentrados, traballando para desmontar as accións de ataque dos dezáns e o perigoso xogo co seu pivote Dani Ramos. Custou tempo, xa que o BM.Lalín non estaba disposto a que a súa zumenta vantaxe se reducise todavía máis, pero a evidencia era que os de Carballo entraran no partido e paraban os ataques roxinegros, continuando facendo dano co 2:4 no posicional. Desta forma, no minuto vinte, cando se entraba nese limiar onde se deciden os partidos, o Laber Xiria metíase de cheo na pelexa polos dous puntos (24-22) para asinar o que sería ao cabo, un final de infarto. cun parcial de 4-6 nos minutos finais e trinta segundos para gañar o encontro, o BM.Lalín chocaba unha vez máis contra a retagarda dos visitantes, que ao final conseguen un empate nunha das pistas máis complicadas da categoría. Un punto que deixa aos de Xiria terceiros neste parón do Nadal e co golaverage a favor ante o seu rival de hoxe.

A competición retomarase o 17/01/2016 contra o BM.Porriño en Carballo e os de Xiria están situados nunha posición privilexiada para loitar polo obxectivo de alcanzar os postos que dan acceso ao campionato de España.

Este parón do Nadal servirá para recuperar aos xogadores tocados ou lesionados e polo tanto poder afrontar a segunda parte do campionato coas maiores garantías posibles.

BM.Lalín 28 (16+12). Uxío, Oscar (1), Antonio (4), Manuel (1), Dani Ramos (10), Jonathan, Pedro (5), Xabier (4), Lucas (2), Sierra (1), Brais, José, Simón.
Laber Xiria : 28 (12+16). Antonio (p), Gabriel Castiñeiras (6), Juanka (8), José Pereira (3), Daniel Esmorís (3), Antón Traba (1), Carlos Vilanova (6)-Equipo Inicial- Manuel Souto (p), Iván Calvo, Alex Figueroa, Diego Morandeira,  Borja Rodríguez, Roi Alfeirán, Ronaldo Durán (1), Kevin Santos, Tito.
Parciais cada 5´: 3-2/7-2/10-3/13-6/14-9/16-12-Descanso-17-14/21-17/23-19/24-22/26-26/28-28-Final.
Colexiados: Angel Villar e Andrés Hermida. Excluiron con dous minutos a Antonio (2), Dani Ramos, Pedro e Xabier polos locais, namentres que polo Laber Xiria foi excluido José Pereira (2), Juanka (2) e o técnico Fernando Vázquez que ademáis sufríu unha descalificación..
Incidencias: Encontro correspondente á decimo terceira xornada da liga de División de Honra en categoría xuvenil, disputado no «Lalín Arena» ante un centenar de seareiros, moitos deles desprazados dende Carballo.