EM CAMARIÑAS 33 – PROCASA XIRIA 35

Unha vez máis non podemos mostrar a táboa de goleadores, xa que o colexiado designado para dirixir este encontro chegou ao remate do partido, polo que tiveron que arbitrar dous xogadores de Camariñas e non existe acta do partido.

Polo Procasa Xiria xogaron: Ivan, Bisbi e Alex na portería, David, Brais, Antón e Luís, primeiras liñas, e Iago, Joaquín, Heitor, Jorge, Miguel e Ricardo, segundas liñas.

O Procasa Xiria caeu eliminado na semifinal e non xogará a final de copa a pesar de obter o trunfo neste encontro. Pesado lastre levavan os de Fernando Vázquez a Camariñas onde tiñan que remontar oito goles de renda que obtiveran os camariñáns na súa visita á pista carballesa. Aínda así o Procasa Xiria causou unha moi boa impresión, sobre todo na segunda metade, e conseguiu derrotar aos palilleiros que viñan de obter a terceira praza na fase final do Campionato Galego. A final disputarana o Camariñas e o gañador da eliminatoria entre OAR e Balonmanópolis.

No primeiro tempo os locais demostraron a súa superioridade atacante, non só por méritos propios se non tamén polas facilidades e escasa intensidade que poñían os de Carballo nas súas accións defensivas. O elevado marcador do descanso (21-16) poñía de manifesto o feito de que os dous equipos estaban a ser moi pouco contundentes en tarefas defensivas.

Pero na segunda metade os visitantes saíron moito máis enchufados que no primeiro acto e isto permitía que a alta intensidade que se tiña en defensa solucionase moitos dos erros que ían aparecendo. Así foi que a pouco do remate o Procasa Xiria poñíase por diante no marcador, en gran medida propiciado polo traballo defensivo que lle levou a encaixar tan só 12 goles nesta segunda parte fronte aos 21 da primeira. Xa non abandonarían os bergantiñáns a vantaxe que lles propiciaba a victoria no encontro polo resultado de 33-35.