13/05/07 SEIS DO NADAL 34 – CALVO XIRIA 21
Seis Do Nadal (14+20) 34 : Juan Bautista, Aitor (2), Samuel (1), Alexandre López (3), Alexandre Piñeiro, Iván (1) e Antón (5) -equipo inicial- David, Miguel José (2), Alejandro (3), Denis (6), José Ramón (4), Rebolo e Marcos (7).
Calvo Xiria (10+11) 21 : Iván, Fernando Vázquez (2), Ángel (2), Cuco (1), Hernán, Aitor e Alberto Salgado (9) –equipo inicial- Quique, Pablo (2), Chimpo, Pombo (4) Cristophe (1) e Queco.
Colexiados: Martín Rodríguez e Vanessa Pérez. Mala arbitraxe. Non influíron no resultado final.
Incidencias: Pavillón de Fontecarmoa, en Vilagarcía. Apenas medio centenar de espectadores nas gradas.
O Calvo Xiria ofreceu en Vilagarcía a súa peor faciana da temporada e non puido levantar o trofeo de campión de Copa que, con todo merecemento, viaxou a terras olívicas. O Seis do Nadal mostrou a súa superioridade no último partido da campaña e pasou por enriba dun Calvo Xiria que, curiosamente, levaba o partido con bastante comodidade até o tramo final da primeira parte. Pese a arrancar cun parcial de 2-0 en contra nos primeiros minutos, o equipo de Marcos Rodríguez refíxose e pronto pasou a comandar o marcador grazas, sobre todo, á aportación de Iván na portería. O porteiro carballés foi, sen dúbida, o mellor xogador do Calvo Xiria e, quizáis, da final. As súas paradas desbarataban claras situacións de contraataque e lanzamentos de seis metros dos olívicos, que vían como os de Carballo, sen facer nada do outro mundo en ataque, se marchaban no ecuador da primeira metade cun marcador de 3-7. Aí tivo ocasión o Calvo Xiria de seguir ampliando a súa diferencia, pero a precipitación nos seus ataques e a súa endeblez defensiva permitiron ao Seis do Nadal achegarse a dous tantos a falta de pouco máis de cinco minutos para o remate do primeiro acto (7-9). Ese foi o punto de inflexión dun partido no que, a partir de aí, só tivo a cor azul celeste do Seis do Nadal. Os visitantes aproveitaron a segunda exclusión de Hernán para empatar pronto o partido e, a partir de aí, encadenar catro exitosos ataques para endosarlle ao Xiria un parcial de 7-1 e chegar ao descanso cunha renda de catro goles (14-10).
Só fixeron falta un par de accións na segunda metade para saber que o Calvo Xiria non remontaría o partido. Moi frouxos en defensa e desacertadísimos en ataque, os carballeses déronlle ao Seis do Nadal moitas facilidades para que estes non tardaran en romper definitivamente a final. Un parcial de 12-2 nos primeiros dez minutos da reanudación foi suficiente para que o resto do partido se convertira nun mero trámite, para satisfacción da trintena de seguidores olívicos que se desprazaron a Vilagarcía. A defensa 5-1 do Seis do Nadal, con Denis como xogador adiantado, atrangantóuselle de tal xeito ao Calvo Xiria que só ao final, con tres contraataques consecutivos, puideron os carballeses maquillar un pouco o seu casilleiro. O peor do partido foi, sen dúbida, a imaxe deixada polo Xiria na disputa dun título que, por moi devaluado que esté, tiña que intentar gañar.