EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 27 – CALVO XIRIA 33

LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 12
08/12/2012 EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 27 – CALVO XIRIA 33

Embutidos Lalinense Bm Lalín 27 (12+15): Pablo [p], Pincho (3), Martín (5), Brais, Óscar (1), Bruno (6), Adrián (6), -equipo inicial- Durán [p], Ramón (1), Duarte (1), Cristian, José (2), David (1), Rubén (1).
Calvo Xiria 33 (12+21): Kike [p], Alex (1), Jesús (3), Chimpo (10), Cuco (1), Manuel (6), Sergio (3) -equipo inicial- Iago [p], Rubén, Ramón, Dubra (5), Brais, Mario, Gonzalo (4).
Colexiados: Carla Diz Serpes e Ana Correa Araujo, pertencentes á Federación Territorial Galega. Non estiveron demasiado ben. Sinalaron cinco exclusións aos locais, seis aos visitantes e innumerables pasos a uns e a outros…
Marcador: 1-1, 3-4, 6-5, 8-8, 9-12, 12-12 (descanso); 12-16, 17-18, 18-21, 19-24, 23-28, 27-33(final).
7 metros: Embutidos Lalinense Bm. Lalín: 5 / 6 ### Calvo Xiria: 2 / 2
Boa entrada con preto de 200 seareiros no Lalín Arena, dos cales corenta desprazáronse dende Carballo para dar folgos aos seus.

Comparecía o Calvo Xiria na vila do Deza para xogar o partido correspondente á 12ª xornada de liga de 1ª Estatal logo de acadar unha importante vitoria, sobre todo no terreo anímico, ante o líder da categoría, mais convencidos os seus xogadores de que cada partido é igual ou máis complicado que o anterior.

Enfronte un equipo que se define de xeito moi semellante ao Calvo Xiria: xogadores saídos da canteira, media de idade baixa, gusto pola defensa e o contraataque … de seguro un encontro moi bonito de ver e por suposto de xogar.

Pero o xogo visto no terreo de xogo non foi nin de lonxe o que atesouran os dous equipos. Un partido no que nos seus primeiros trinta minutos deixaron moito que desexar e que na segunda metade foi un correrúas. O mellor, por suposto, dous novos puntos para os carballeses. Só a actuación dos porteiros estivo ao nivel esperado, tanto por parte local como visitante. Dende logo que na vitoria carballesa tiveron moita importancia Kike e Iago que impediron que o conxunto lalinés fose quen de colleitar punto algún.

Pechará a primeira volta o equipo carballés no Municipal Vila de Noia, ante o Las 5 Jotas Lavadores, o vindeiro sábado ás 18:00 h.