Este xoves terá lugar ás 12.30 da mañá un encontro amigable entre os equipos séniors femininos do Balonmán Xiria e o Balonmán Caselas no Pavillón Municipal de Salceda.
O Balonmán Xiria feminino na categoría sénior vén de ser reconstituído, logo duns anos nos que o equipo deixou de existir ante a falta de xogadoras que permitisen configurar un equipo co que cumprir os requisitos para competir nos niveis nos que anos atrás o estaba facendo. Pois recordemos que este equipo ata o 2007 xogaba na Liga Galega de Balonmán, sendo unha referencia neste deporte na provincia, e incluso, sería nesta última temporada na que xogou, na que o equipo acadaría o cuarto posto na Liga Galega, ao tempo, que se convertía no gañador da Copa Galega de Balonmán.
O equipo, que durante moitos anos foi aplaudido nos pavillóns de toda a Comunidade Galega, e especialmente nos da capital de Bergantiños, refúndese cinco anos despois con ilusións renovadas e co obxectivo primeiro de devolverlle ás rapazas de Carballo a posibilidade de xogar, de gozar e de entreterse cun deporte que conduciu a marca Xiria por toda Galicia e España e que de forma constante vencella aos deportistas carballeses, tanto do xénero feminino como do masculino, co éxito.
Observando a formación distinguimos caras xa coñecidas no balonmán da comarca e outras novas, que unidas pretenderán na próxima tempada, xa que motivos de carácter temporal e procedemental impediron que o equipo compita na liga durante esta campaña, reconducir ao balonmán feminino carballés á cume do deporte galego.
Entre as xogadoras do equipo, vemos, rapazas que abandonaron Xiria cando a súa descomposición e que voltan ao seu fogar deportivo, coa experiencia e os coñecementos necesarios logo de xogar noutros equipos, e co afán de contaxiar o amor ao deporte da pelota ás máis pequenas do pobo, co fin de que o equipo que as viu crecer non se fraccione de novo.
Estas xogadoras, das que falamos, que compoñen o equipo son: María Gómez Lamas, Isabel Bolón, Marta Regueira Martínez, Tamara Pombo Fraga, Patricia Viñas Lista, Adriana Gómez García, Sandra Suárez, Jessica Posse Díaz, Juana Garrochena González, Cristina Calvete Rodríguez, Patricia García Varela, Verónica Varela Pallas, Brenda Noya Espasandín, Sandra Santos Suárez, Juliana García, e Sara Pombo Trigo, todas elas adestradas por Elena Alcoba, parte fundamental da enerxía coa que debuta este equipo.
Dende aquí, desexámoslle a todas elas o mellor dos resultados neste encontro en Salceda, e o que é máis importante que manteñan a ilusión e a unidade como equipo do comezo nos próximos encontros, e que os goles e as vitorias, en consecuencia, as acompañen.
Forza Xiria!!!
Escrito por Julia López Tuset e Juana Garrochena González