EXPL. MIN. MORRAZO CANGAS 28 – CALVO XIRIA 32

12/04/2008 EXPL. MIN. MORRAZO CANGAS 28 – CALVO XIRIA 32
Expl. Min. Morrazo Cangas (15+13) 28: Cayetano, Rubén (7), Edgar (1), Alberto (1), Durán (8), Adrián (4) e Eduardo (3) -equipo inicial- David, Santiago (1), Cristóbal, Cristian, Igor, Manuel (2) e Salvador (1).

Calvo Xiria (12+20) 32: Quique, Cuco (2), Bruno (2), Jesús (1), Cristophe, Pablo (7) e Fernando Vázquez (4) -equipo inicial- Iago, Alex, Sebastián (10), Chimpo (6), Pombo, Dubra e Manuel.

Árbitros: José María García e Antonio Granados. Mal.

O Calvo Xiria conseguiu a clasificación para disputar a fase de ascenso a Primeira Nacional ao derrotar ao Cangas a domicilio na última xornada de liga. Con esta, o Calvo Xiria conclúe o campionato cunha racha de doce vitorias consecutivas.

A vitoria do Calvo Xiria en Cangas tivo un nome propio: Sebastián. O arxentino entrou en escea na segunda metade e conseguiu reconducir, con 10 goles de 11 lanzamentos, a un Calvo Xiria que naufragaba na cancha polos seus nervos, a presión e algunha decisión arbitral desacertada. O conxunto de Marcos Rodríguez saltou ao pavillón do Gatañal como o fixera nas dúas últimas xornadas de liga. Inseguro e moi presionado, o Xiria non era quen de impor o seu ritmo de xogo e facilitaba a labor dun Cangas moito máis solto que, amparado na excelente actuación de Cayetano na portería, mandaba no marcador dende o pitido inicial. O Calvo Xiria, pese a todo, aguantaba no partido e era quen de poñerse por diante aos dez minutos (3-5). Un parcial de 4-0 para o Cangas devolvía a vantaxe ao conxunto local que, pouco a pouco, asentaba máis o seu xogo e comezaba a gozar de pequeñas vantaxes no luminoso. O Calvo Xiria non funcionaba en ataque (Bruno non parecía Bruno, Fernando non acertaba dende fóra, Chimpo baixaba o seu rendemento co paso dos minutos, Cuco non recibía, Pablo non era quen de penetrar…) e a defensa non era quen de atallar a dirección de Rubén e a súa conexión co pivote, ademáis da determinación de Adrián. Con estos ingredientes, unidos a un serie de rigorosísimas exclusións para os visitantes nos últimos minutos da primeira metade, o Cangas chegaba ao descanso cunha cómoda renda de tres goles (15-12).

A situación tornou en case dramática ao principio do segundo tempo. Durán tomaba o mando no ataque do Cangas e daba unha exhibición de lanzamento que poñía aos locais cunha renda de cinco goles (18-13) nos primeiros minutos. Por fortuna para o Calvo Xiria, aí apareceu Sebastián. O arxentino asumía toda a responsabilidade no ataque carballés e comezaba a súa particular exhibición. O lateral anotaba todo o que lanzaba e, ademáis, provocaba unha serie de exclusións aos rivais que propiciaban a remontada do Calvo Xiria. No ecuador do segundo acto, o equipo de Marcos Rodríguez conseguía empatar o partido (22-22). Motivadísimo e cheo de confianza, Sebastián seguía co seu recital e o Xiria, logo de moitos minutos, conseguía poñerse por diante no marcador (22-23). Ademáis, o arxentino aportaba consistencia en defensa e o equipo, en xeral, gañaba tamén en confianza. Co marcador a favor, Pablo comezaba a parecerse a si mesmo e convertíase no perfecto escudero do arxentino. A aportación de Iago na portería, que sustituíra a Quique ao descanso, resultou tamén decisiva para o despegue do Calvo Xiria. Pese a que o marcador chegaba igualado a falta de cinco minutos para o final (26-27), o conxunto carballés mantivo a calma e soubo pechar o partido cun parcial de 2-5. Un paradón de Iago a lanzamento de Alberto dende seis metros resultou decisiva no tramo final. Ao final, catro goles de renda para un Calvo Xiria que xogará por regresar á Primeira Nacional.