GRUPO LEMACO XIRIA 46 – BM. ÁRTABRO 27

XORNADA 17

24/02/2013

Grupo Lemaco Xiria: 46 (26+20): Buño, Iván (8), Enrique (8), Diego (4), Calvo (9), Dani (6), Lolo (9) -equipo inicial- Álex, Andrés, Gabriel (1), Pablo (1), Borja, Jorge.

Bm. Ártabro: 27 (12+15): Graña, Otero (2), Rubén (7), Manuel (3), Javi (5), Lucas (3), Nacho (2) -equipo inicial- Alfonso, Brais (1), Jorge (3), Ángel (1), Alberto, Samuel.

Colexiado: Pablo Álvarez.

Saíu a por todas o equipo de Carballo nun dos dous derbis provinciais da categoría. O Balonmán Ártabro, que hoxe visitaba o Vila de Noia carballés,soe ser un equipo competitivo e intenso, pero os de Xiria non querían ceder máis puntos na liga e por iso puxeron as súas mellores armas no parqué do municipal de Carballo.

Os primeiros compases foron de moita intensidade e un xogo dinámico e veloz por parte dos dous conxuntos. A igualdade predominaba no electrónico e así o sinalaba o resultado no paso polo minuto dez (8-6). Pero non aguantou moito máis o Bm. Ártabro, desarbolado polas transición defensa–ataque dos carballeses que establecían un parcial moito máis contundente nos seguintes dez minutos (9-4). O equipo coruñés, non era quen de frear as acometidas dos bergantiñáns, que castigaban duramente a retagarda dos visitantes. A primeira liña dos de Grupo Lemaco perforaba unha e outra vez a portería do Ártabro con ataques dinámicos, cheos de mobilidade e respostas solidarias por parte dos xogadores, que remataban por atopar espazos efectivos para as penetracións ou os lanzamentos lonxanos. Despois desta primeira parte chea de intensidade, bo xogo e gran acerto cara a portería contraria, os rapaces de Carballo retirábanse ao vestiario cun contundente 26-12 que practicamente daba por rematado o encontro.

Na segunda metade, os de Xiria continuaron sendo tremendamente ambiciosos e así o demostraban cun novo parcial de escándalo nos primeiros dez minutos (10-4). A partir deste intre e xa cos dous puntos no peto, os bergantiñáns controlaron perfectamente o tempo de xogo e mantiveron a distancia que reflectía o marcador, aportando nesta vitoria todos os xogadores convocados no día de hoxe.

O vindeiro domingo o Grupo Lemaco Xiria recibirá ao Bm. Moaña, conxunto que ocupa o penúltimo posto da clasificación con cinco puntos, pero que xa puxo en moitos apretos aos de Xiria na primeira volta, encontro onde os de Carballo so puideron impoñerse nos últimos minutos por dous goles de diferenza . Este partido disputarase no Vila de Noia ás 10:30.