CALVO XIRIA 27 – ULE ADEMAR 33

LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 19
02/03/2013 CALVO XIRIA 27 – ULE ADEMAR 33

Calvo Xiria 27 (12+15): Kike [p], Ramón (1), Jesús, Chimpo (9), Gonzalo, Manuel (6), Sergio -sete inicial- Jorge, Pablo (6), Dubra, Cuco (4), Calvete, Brais (1), Mario.
ULE Ademar 33 (14+19): De la Vega [p], David (7), Martínez (6), Seivane (1), Goñi (1), Celada (3), Grañeras (2)-sete inicial-Bayón [p], Molina (5), López, Jorajuría (4), Pérez (2), Álvarez (1), Carbaño (1).
Colexiados: Álvarez Menéndez e Frieira Cavada da territorial asturiana. Excluíron aos locais Ramón (34´) e Chimpo (50´) así coma ao adestrador local Marcos Rodríguez (50´). Por parte visitante excluíron a Seivane (18´), Jorajuría (26´) e Carbaño (42´).
Marcador: 3-2, 5-6, 7-8, 9-9, 11-11, 12-14 (descanso); 14-17, 17-21, 19-24, 21-27, 24-28, 27-33 (final).
7 metros: Calvo Xiria: 1/2 ### ULE Ademar: 3/ 3
Moi boa entrada no Municipal Vila de Noia cuns 400 seareiros, incluído un pequeno grupo desprazado dende terras leonesas.

Presentábase no Vila de Noia un dos equipos de España que máis e mellor traballa coa súa canteira, o Ademar de León. Nas súas filas conta este ano coa participación de David García Pichel, que recalou neste equipo logo da súa formación nas Escolas Balonmán Xiria froito do convenio firmado entre ámbos os dous clubs.

Para abrir boca xogouse un interesantísimo partido xuvenil entre o Ifecgas Pereira Xiria e o Ademar León”A”, que se levou o conxunto leonés nos minutos finais.

Logo deste inicio de tarde o Calvo Xiria tentou poñer táboas no particular duelo carballo-leonés do día de hoxe.

O partido tivo dúas caras ben diferenciadas. Os primeiros trinta minutos non foron de dominio nin de un nin de outros, e as pequenas diferenzas no marcador eran rapidamente neutralizadas polo rival. Moitos goles nos primeiros dez minutos, froito dunhas defensas moi brandas que daban facilidades para chegar á liña de seis metros en clarísimas ocasións de gol. Máis por erros dos ataques, con moitas perdas, que acertos das defensa propiciaron que en vinte minutos o parcial fose de 7- 8, moi poucos goles para dous equipos cunha clara mentalidade ofensiva.

Pero o paso polos vestiarios no tempo de lecer non sentou igual aos dous equipos. O Ademar saíu máis entoado, con David sendo un xogador determinante neses intres. Pola contra o Calvo Xiria non atopa o seu sitio na pista, sen solucións en ataque e con pouca firmeza defensiva. Nos 20 primeiros minutos deste segundo acto o parcial de 9 – 13 deixaba todo moi favorable para os leoneses.

O equipo carballés tratou de tirar algo positivo da presión defensiva que fixo nos derradeiros dez minutos, pero as presas e a calidade individual do Ademar nestas situacións fixeron imposible unha remontada, na que tampouco puxo toda a intensidade necesaria o conxunto verdibranco. O peor partido do conxunto local no que vai de tempada, fora de sitio e con erros en todas al liñas, incluído as decisións dende o banquillo.