Ifecgás Pereira Xiria 37 (16+21): Zúpez, Bouzas (10), Martín (3), Javi (4), Miguel (4), Rubén Gómez (3), Edu -equipo inicial- José, Mario(1), Calvete (2), Anes (4), Álex (2), Iván, David (4).
Clínica Deza Bm. Lalín 25 (13+12): Alberto, Ramón (9), Adrián (3), Enrique (5), Román, José (6), Santi (1) -equipo inicial- Iago, Novo, Xoan, Duarte (1).
Colexiados: Abel Juncal e Manuel Currás.
O partido que enfrontaba o Ifecgás Pereira Xiria e ao Bm. Lalín no Polideportivo Carballo Calero o pasado domingo antollábase vital para os carballeses cara á conquista do campionato galego ao final da tempada, máis se cabe despois de que o Teucro, o seu inmediato perseguidor, perdera o día anterior na pista do OAR da Coruña.
Este feito notouse en exceso nos primeiros compases do encontro nos que os carballeses acusaban a responsabilidade da situación de forma notoria. O Balonmán Lalín era dono do envite e dominaba no seu ataque con un xogo táctico e preciso que superaba en todo momento a defensa bergantiñá. Pola contra, a circulación de balón non posicional do Xiria era deficiente e o xogo demasiado individualizado, permitindo que o equipo visitante dominara o marcador con contragolpes letais. Pero, se algo ten o conxunto de Carballo é que non necesita facer un xogo excelso para impoñerse aos seus rivais, simplemente o carácter competitivo, o afán de loita, a intensidade e ese sentido de equipo levado a súa máxima expresión foron suficientes para retirarse ao vestiario por diante no electrónico ao remate dos primeiros trinta minutos, 16-13.
Na reanudación o panorama foi ben distinto. Unha vez superada a presión inicial, o Ifecgás Pereira atopouse co marco que máis lle satisfai; a retagarda funcionaba como nos ten acostumados, axudados por un inconmensurable Zúpez na portería e os contraataques, que chegaban por un e outro costado como estiletes, abrían brecha no marcador. As bancadas vibraban, os seareiros gozaban do que estaba a acontecer e os carballeses alcanzaban unha vantaxe de sete goles a falta de once minutos que se antollaba insalvable para os do Deza. As exclusións dos visitantes fixeron o resto e déronlle máis facilidades a un conxunto local que xa estaba lanzado na busca dos puntos.
Ao remate, ese 37-25 incontestable e contundente, deixa nunha situación inmellorable aos de Xiria para acadar o campionato galego de División de Honrar. O Ifecgás Pereira Xiria manexa unha vantaxe de 4 puntos sobre o Teucro a falta de 3 xornadas para o remate da competición. Tres puntos nos vindeiros dous encontros daríanlle a liga ao Ifecgás sen necesidade de vivir un duelo a vida ou morte na derradeira xornada de liga na que deben visitar a pista do Teucro.
O vindeira sábado os carballeses xogarán no Grove fronte ao Rasoeiro Bm. Outra final para un Ifecgás que podería proclamarse campión no caso de consiguir a vitoria e ao mesmo tempo o Teucro non é quen de gañarlle ao Octavio.
