Importante vitoria do Calvo Xiria para continuar nos postos de privilexio

O Calvo Xiria afrontaba na fría mañá deste Domingo un importante reto anímico. No seu segundo partido seguido a domicilio e despois de derrota fronte ao lider Lavadores a pasada semana, facíase vital conseguir os dous puntos en xogo e recobrar sensacións, máxime se temos en conta que nas dúas últimas saídas, o resultado fora negativo.

O encontro comezou ben para os intereses dos verdinegros, apostados nunha defensa 6:0 que actuaba con seriedade e eficacia. A resposta na portería, hoxe con Antonio Mato de titular, tamén raiaba a gran altura e no ataque posicional, a continuidade do balón volvía a escena para que os extremos fosen participativos e resolutivos. Desta forma, o Calvo Xiria gozaría pronto de cómodas vantaxes que os levaría ao tempo de descanso con dominio no electrónico de 8-13. Os carballeses estaban a levar o ritmo e o peso do encontro e en ningún momento víronse ameazados por un xoven e voluntarioso Luceros.

Transcorrerían os primeiros minutos da continuación polos mesmos camiños, cos carballeses movéndose entre vantaxes de catro e cinco goles, aínda que o intercambio de golpes, cunha defensa menos consistente agora, comezaba a sementar certa inquietude no cadro verdinegro. A pesar de que o ataque posicional seguía raiando a un nivel alto, bastaron un par de erros para que, pasando o meridiano deste tempo, o Luceros se achegase perigosamente no marcador (21-23). Entrábanse nos dez minutos finais e na seguinte acción, os do Morrazo recuperaban un balón e reducían a diferenza á mínima expresión. Vellas pantasmas da experiencia vivida en Bueu voltaban ás mentes de todos, pero nesta ocasión o Calvo Xiria soubo sacar á luz a súa experiencia e actuar con seriedade e calma nos momentos cruciais.

Un 2-5 de parcial no últimos cinco minutos volvían poñer as cousas no seu sitio e conseguían frear a euforia momentánea dos locais. O Calvo Xiria consegue por tanto dous puntos vitais para manter as diferenzas nesa segunda praza de privilexio e afronta o importante derbi do próximo Sábado (Vila De Noia 20:00 h) co BM Camariñas da mellor forma posible.

Luceros: 29 (14+15): David Lemos, Eloy Villanueva (5), Daniel Sierra (1), Carlos Veloso, Pedro Parcero (1), David Veloso (3), Adrián Pérez, Javi Fdez, Pedro Cerqueira, Eloy Molanes (2), Miguel Pousa (9), Pablo Castro (3), David Fonseca, José Camiña (1) Adrián Bernárdez.

Calvo Xiria: 25 (13+12). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (2), Gabriel Castiñeiras,  Cuco (3), Julián López, Fran Rey, Brais Puñal (1), Pablo Iglesias (3), Carlos García (11), Chimpo (3), Juan Carlos Rodríguez (1), Manuel Méndez (5), Jorge Bouzas, Alejandro Calvete, Enrique Pena (1).

Parciais cada 5´: 2-2 / 3-4/ 4-7/ 5-9/ 7-11/ 8-13/Descanso/11-16/ 16-20/ 18-22/ 21-23/ 23-25/ 25-30. Final

Colexiados: Efrén Muñoz e Julio Posada. Non tiveron o seu mellor día, inda que non influiron no resultado final.

Incidencias: Encontro da 18ª xornada da 1ª nacional celebrado no pavillón de Cangas “O Gatañal”. Nas bancadas, un centenar de seareiros, puideron seguir de cerca este entretenido encontro.