MAGOPE SEIS DO NADAL 33 – CALVO XIRIA 33

20/11/2006 MAGOPE SEIS DO NADAL 33 – CALVO XIRIA 33
Magope Seis do Nadal: David, Miguel (3), Denís (5), Jose (4), Piñeiro (4), Iván (3) e Marcos – equipo inicial – Roi, Miguel Bao (1), Aitor, Samuel (1), Alexandre (3), Roberto (1) e Antón (8).
Calvo Xiria: Iván, Cuco (3), Pablo (5), Cristophe (6), Aitor (3), Joaquín (3) e Javi Zas (5)– equipo inicial – Quique, Fernando Vázquez (7), Queco, Hernán, Chimpo (1), Manuel e Pombo.
Árbitros: Pedrido e Fernando. Ben en xeral, aínda que adoptaron decisións no tramo final do partido que perxudicaron ao Xiria.
O Calvo Xiria sumou o primeiro empate da temporada fronte ao líder Seis do Nadal a domicilio, en encontro pertencente á 9ª xornada de liga en Segunda Nacional. O equipo de Marcos Rodríguez deixou escapar unha oportunidade única para infrinxir a primeira derrota na liga ao conxunto olívico. O resultado ao descanso era de 15-19.

O Calvo Xiria comezou moi frío o encontro e encaixou un parcial de 3-0 que non facía presaxiar nada bo no pavillón de Coia. Pero o equipo carballés repúxose á saída en tromba dos locais e, cun parcial de 0-4, pasaba a comandar o marcador grazas ás anticipacións defensivas e aos rápidos contraataques. O fluído ataque dos carballeses, comandados por un pletórico Javi Zas, facía añicos unha e outra vez á defensa local e pronto o Calvo Xiria comezaba a marcar distancias no electrónico. Cristophe asumiu o papel anotador e superaba no un contra un ao seu par con facilidade. Ademais, o balón circulaba con rapidez e os extremos e o pivote eran quen de participar no xogo para completar os mellores minutos da tempada en ataque. Os de Marcos Rodríguez chegaban a adquirir unha renda de cinco goles preto do descanso, aínda que o Seis do Nadal conseguía facer 15 goles para comezar a segunda parte con catro de desventaxa.

Como ven sendo habitual na tempada, o Calvo Xiria comezou a ter erros infantís na reanudación e as continuas perdas de balón en ataque eran aproveitadas polo Seis do Nadal para, ao contraataque, reducir distancias no marcador. Se a diferenza nos primeiros dez minutos situárase, incluso, en 7 goles a favor dos visitantes, o Seis do Nadal apretou o acelerador e aproveitouse da indolencia do Calvo Xiria para poñerse a tan só un gol mediado o segundo acto. Pero aí apareceron Quique na portería e Cristophe en ataque para manter a renda nos últimos minutos e, incluso, chegar a poñer ao Xiria con cinco goles de ventaxa a falta de cinco minutos para o final do encontro. Dúas perdas de balón e algunha decisión arbitral controvertida permitiron ao Seis do Nadal achegarse a dous goles cando só restaban pouco menos de dous minutos para o pitido final. Unha perda de balón de Cristophe e uns discutibles pasos de Javi Zas, logo de avisar Pedrido de pasivo cando aínda o Xiria non sacara de centro, permitiron ao Seis do Nadal facer dúas rápidas contras e empatar o partido. O Calvo Xiria dispuxo de vinte segundos para marcar o gol da victoria pero non foi quen de lograr o tanto que lle achegara, un pouco máis, á cabeza da clasificación. O equipo de Marcos Rodríguez, independentemente da arbitraxe nos últimos minutos, nunca debeu de deixar escapar un punto da súa visita ao Pavillón de Coia. O adestrador carballés deberá incidir no xogo do equipo nas segundas partes, xa que non é a primeira vez que os rivais remontan unha desvantaxe que, en moitos casos, debería ser definitiva.

Nova baixa na plantilla
Ademais do varapao que supuxo o empate na pista do Seis do Nadal, o Calvo Xiria deberá facer fronte á baixa de Javi Zas que, por motivos laborais non poderá, en principio, continuar no clube polo que resta de tempada.