Nova derrota do Laber Xiria na Copa Federación

O Laber Xiria xuvenil, está a mostrarse como un conxunto diferente ao equipo que conseguíu o subcampionato galego na liga de División de Honra hai tan só unhas semanas e desta maneira, suma a súa segunda derrota consecutiva na Copa Federación. Ben é certo que a prioridade dos carballeses é o sector nacional que se celebrará en Carballo dentro de 13 días, pero parece necesario recuperar o nivel competitivo para afrontar a cita nacional con garantías. Os verdinegros seguen á espera de Enrique e Dani, que continuan coa recuperación das súas respectivas lesións e parece que a baixa destes dous efectivos, están a afectar ao equipo máis do desexado.
Pouca intensidade puxeron os bergantiñáns no Carballo Calero fronte o Luceros e sufriron as arremetidas do ataque visitante durante os sesenta minutos. Os 16 balóns perdidos ao longo de todo o partido (13 na segunda parte), foron un lastre imposible de superar ante un bo conxunto e deixaba en evidencia a concentración dos locais, que debía de subir algúns enteiros no día de hoxe. Moitos goles no tempo de descanso (15-15) e trinta primeiros minutos nos que, os dous conxuntos, mostráronse moi erráticos, tanto en ataque como en defensa. As accións individuais destacaban por encima do xogo colectivo e en liñas xerais, os dous equipos non puñan moita énfase no envite.

O 3-6 de parcial que conseguiron os do Morrazo nos primeiros dez minutos da continuación, marcaron o resto do partido e os bergantiñáns xa non foron capaces de dar caza no electrónico ao seu rival.
Non houbo máis historia no vinte minutos restantes. En defensa, as accións individuais dos de Cangas superaban á retagarda local e o ataque dos verdinegros limitábase a accións de 1×1. Eran momentos nos que, as precipitacións dos carballeses, facilitaban a recuperación do balón por parte dos seus rivais que tiveron un plácido final para levar os dous puntos en xogo a súa terra.

A semana que vén, o Laber Xiria volverá xogar en Carballo, esta vez frentre ao Artabro da Coruña, no que será un derbi máis nesta tempada 2014-15.

Laber Xiria: 26 (15+11). Dani Buño, Iván Campos (3), Alex Figueroa, Diego Gago (1), Borja Rodríguez, José Pereira (2), Iván Calvo (4)-Equipo Inicial-Antonio Mato, Andrés Barca (1), Gabriel Castiñeiras (6), José Pereira (3), Damián Rodríguez (6), Diego Morandeira, Tito, Borja González.

Luceros: 29 (15+14). David, Adri (6), Erik (8), Bruno (3), Eloy (3), Mauro (3), Angel (3)-Equipo Inicial-Alberto, Fandiño (1), Reflojos (1), Novas, Pablo, Javier (1).

Parciais cada 5´: 1-3/3-5/6-8/9-9/12-10/15-15/Descanso/17-18/18-21/20-23/22-26/24-28/26-29/Final.
Árbitros: Pablo González e Gabriel Folgoso. Excluiron con dous minutos a José Pereira (3), Borja Rodríguez e Iván Calvo (2) por parte dos locais e a Eloy e Adrián polos visitantes.
Incidencias: Partido correspondente a segunda xornada de Copa Federación en categoría xuvenil e disputado no Carballo Calero ante a presenza de setenta afecionados de ambos conxuntos.