Nova e intensa xornada de balonmán

Avecíñase unha nova e vibrante xornada de balonmán onde o Calvo Xiria e os equipos de base de División de Honra, xóganse a posibilidade de ascender ás posicións altas da táboa ou seguir situados neses postos de privilexio.

O conxunto de primeira nacional, o Calvo Xiria, recibe ao BM. Porriño, un equipo que virá a Carballo moi necesitado de puntos, xa que está situado nos últimos postos da táboa clasificatoria. Precisamente este feito e que veñan de vencer a pasada semana ao OAR, fainos un conxunto perigoso con pouco que perder e moito que gañar en Carballo. Os bergantiñáns deberán de saír concentrados e coa intención de mostrarse moi serios en tarefas defensivas, aspecto vital para conseguir eses dous puntos que lles sigan mantendo como mínimo a un punto do líder, ao cal visitarán a próxima semana. O encontro disputarase no Vila De Noia o Sábado ás 18:00h.

Seguindo en categoría senior, pero agora en feminino, diremos que o Goldie Xiria viaxará tamén este próximo Sábado a Lalín para enfrontarse na difícil cancha de Lalín Arena ao Coreti Lalín. A pesar das moitas dificultades que presenta o rival, o cadro dirixido por Adrián Dubra, viaxa coa ilusión de poder facer un gran partido e resarcirse da derrota do pasado fin de semana fronte ás mozas do Nova Xestión Pavillón.

Na División De Honra, o Garaysa Xiria infantil recibirá o Sábado no pavillón do CEIP Fogar ás 12:00 ao Servisub A Bueu Atl coa intención de manter unha regularidade que lles axude a conseguir a vitoria e dese modo seguir entre os tres primeiros clasificados. Os outros dous equipos desta División terán un dobre enfrontamento coa SAR de Redondela o Domingo. Primeiro entrarán en escena os cadetes do Grupo Lemaco, concretamente ás 11:30 e despois os xuvenís do Laber, ás 13:00h. Os cadetes esperan poder volver á senda da vitoria despois do pequeno tropezón na pista do Octavio o pasado fin de semana e deste xeito non descolgarse da parte alta da clasificación. Pola súa banda, os xuvenís parten coa intención de poder sumar a súa terceira vitoria consecutiva e alongar un refacho que lles achega e mételles na pelexa pola cuarte praza. Non serán encontros fáciles, dada a entidade dun rival con historia en base como é a SAR.

O mesmo Domingo e no mesmo pavillón pero ás 10:00h, os cadetes de 2ª división do Xiria Hierros Varela Urbieta reciben ao Arteixo BM. Maruxía Asesores. O obxectivo claro deste equipo é que os seus xogadores acumulen o máximo de minutos e experiencias posibles dentro da cancha para poder dar ese salto de calidade que lles leve a participar co Grupo Lemaco de División de Honra.

Na segunda División Infantil, os nenos do Marmolería J. Rey e as nenas do Punta Del Este Xiria, viaxan o Sábado a Lugo. Os primeiros ás 10:00h e as segundas ás 12:30h, veranse as caras co BM. Lucus e o C. Polideportivo Lucense respectivamente na Casa Do Deporte. Mentres o equipo infantil masculino aínda non lle colleu o pulso á competición e tentarán facelo no escenario lucense, as mozas comezaron irresistibles e o obxectivo será continuar con ese excelente refacho.

Por último e xa dentro de Copa Delegación de BM7 en categoría alevín, os dous conxuntos de Xiria teñen que desprazarse fóra de Carballo:
O Xiria A verase as caras co Catering Imos Arteixo o Sábado ás 12:30 no Mpal de Galán (Oseiro-Arteixo) e o Xiria B, o mesmo día pero ás 10:30 no Pavillón CEIP De Xan Baña (Traba – St. Coma). Os primeiros tentarán conseguir os seus primeiros dous puntos, mentres que os segundos, competirán por seguir co bo inicio que lles levo a gañar o primeiro partido desta Copa Delegación.