Novo derbi da Costa da Morte entre o Boya e o Calvo Xiria

Este fin de semana xogarase un novo derbi da Costa da Morte entre o Conservas Boya BM. Camariñas e o Calvo Xiria. Chegados a este punto do campionato, o partido adquire tinguiduras de relevancia, sobre todo para os carballeses, que non poden ceder puntos se queren seguir mantendo os catro de diferenza con respecto aos seus inmediatos perseguidores, que ademais se enfrontan entre eles nesta xornada. No caso dos de Camariñas, os puntos son importantes, pero non tan transcendentais, xa que o conxunto de Moncho Canosa ben de facer moi ben os seus deberes e ten un colchón de seis con respecto ás posicións de descenso a falta de oito xornadas para o final da liga regular e un calendario a priori factible para sumar os puntos que lle dean a permanencia de forma matemática. Prevese o ambiente nas bancadas das grandes ocasións e un partido difícil para ambos os conxuntos a pesar da diferenza de puntos que lles separan, xa que o Boya é un equipo que fai un excelente balonmán e na súa casa, reafírmase como un plantel competitivo e rochoso difícil de superar. O encontro, que se disputará este Sábado ás 18:30 h, no pavillón de O Areal, non poderá contar coa participación de Gabriel Castiñeiras e Andrés Vila por parte do Calvo Xiria, xa que seguen co proceso de recuperación do seu ombreiro e o seu talón respectivamente.

Tamén en senior, as mozas do Goldie Xiria reciben ao BM. Tui o Sábado ás 20:00 h no Vila De Noia, coa intención de devolverlles ás visitantes a derrota que lles infrinxiron no seu desprazamento a Tui. Para iso, terán que facer un partido pèrfecto ante un conxunto que vén impoñendose  ás de Carballo nas dúas últimas tempadas.

Os equipos de División de honra viaxan o Domingo a Redondela para enfrontarse ás SAR. Os infantís do Garaysa e cadetes do Grupo Lemaco, competirán coa vista posta na fase final do campionato, para a que están clasificados, mentres que os xuvenís de Laber, xa sen opcións de subir ou baixar de posto, tentarán acabar con bo sabor de boca a competición ante un rival que lles gañou con contundencia na primeira volta en Carballo. O horario dos partidos será 10:00, 11:15 e 12:30 respectivamente no pavillón da Bombonera.

Na segunda división cadete, o Hierros Varela Urbieta dobra xornada e mentres o Sábado medirase ao BM. Tui en Carballo (Pavillón CEIP Fogar 18:30), o Domingo farao tamén como local ante o ATL. Acanor Novás (Vila De Noia 12:00 h). Os bergantiñáns foron capaces de impoñerse ao BM.Tui con folgura no partido de ida e caeron por tan só un gol de diferenza na Roseira. Nesta xornada tentarán sacar os catro puntos en xogo para mirar cara arriba na clasificación.

Tamén en segunda división os infantís do Marmolería J. Rey queren concretar a evidente melloría no seu xogo fronte ao Línea 21 nun encontro que se disputará no pavillón do CEIP Fogar o Sábado ás 12:15.

Por último, a liga de balonmán 7 en categoría alevín comeza tamén este Sábado e os dous equipos de Xiria xogarán como locais. O Metalúrxica BB Xiria A recibirá ao BM. Xallas no Vila De Noia ás 10:00 h e o Metalúrxica BB Xiria B recibirá no mesmo escenario ao BM. Culleredo DXTS Rayman ás 11:00. Os xogadores de Xiria comezan esta competición coa ilusión de impoñerse no primeiro encontro a dous excelentes rivais.