O balonmán triunfa no derbi da Costa

Houbo que esperar máis de dez anos para que se volvese a repetir un derbi da Costa da Morte en categoría nacional entre o Calvo Xiria e o BM. Camariñas Conservas Boya, pero a espera mereceu a pena e o envite que enfrontou no día de onte aos dous conxuntos, converteuse nunha festa do balonmán onde xogadores e afección estiveron a un nivel sobresaliente.

O Calvo Xiria foi o dominador no xogo, mostrándose contundente en tarefas defensivas e resolutivo no ataque, pero os de Camariñas mostraron un alto nivel de xogo no posicional e un excelente carácter competitivo. O partido foi vibrante e cun altísimo ritmo, presentando os dous equipos, a través da velocidade nas circulacións de balón, o xogo vistoso que tantos éxitos lles deu a uns e a outros en anteriores tempadas.

Os de Carballo comezaron concentrados, presentando unha retagarda inexpugnable, pero este dominio non se vía traducido con amplas diferenzas no electrónico debido aos erros nos lanzamentos dende os seis e sete metros. Os visitantes non atopaban de momento o camiño cara ao gol no ataque posicional, pero eran pacientes e non rifaban balóns que puidesen poñer en aprietos ao seu balance defensivo. O Boya non perdoaba nas contras e aproveitaba os erros nos lanzamentos do seu rival para manterse preto no marcador e entrar no meridiano do primeiro acto cun 5-3 en contra. O conxunto camariñán xogou de forma maxistral todas as superioridades que tivo ao longo do encontro, conseguindo rendas importantes para os seus intereses. Neste primeiro tempo e despois de catro minutos cun máis, o 0-4 de parcial que lle endosaron aos verdinegros posibilitou que conseguisen igualar o enfrontamento (7-7), igualada que se encargou de romper o Calvo Xiria en canto recuperou ao seu xogador excluído, devolvendo o 4-0 para retirarse aos vestiarios cunha vantaxe de 12-9.

Na continuación pouco cambiaron as cousas, os de Carballo dominaban, pero os de Camariñas mantíñanse á expectativa e aproveitaban de novo a súa oportunidade nas inferioridades  para achegarse no electrónico. As rotacións dos carballeses terminarían por aumentar as diferenzas ante o alto ritmo do partido, avantaxando en cada parcial ao seu rival para conseguir un parcial de 19-13 e establecer esa diferenza final de 31-22. Así terminaba un encontro pleno de orgullo para ambos os conxuntos e a súa afección, polo gran ambiente de balonmán, o xogo despregado e por ser dous cadros de persoal formados na súa totalidade por xogadores da casa, sen ningunha dúbida, unha gran posta en escea da canteira da Costa da Morte.

Os dous puntos, importantísimos para o Calvo Xiria, posibilitan que estes se sitúen a un só do liderado, nesa terceira praza da clasificación onde os sete primeiros “amontoanse” nunha marxe de tres puntos.

Calvo Xiria: 31 (12+19). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Andrés Vila (1), Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras (2), Julián López (1), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (5), Hugo Rodríguez (7), Miguel Suárez Pumariega, Juan Carlos Rodríguez (1), Manuel Méndez (5), Jorge Bouzas (2), Sergio Facal, Alejandro Calvete (1).

BM. Camariñas Conservas Boya: 22 (9+13). Alan Fuentes (1), Cristian Canosa (10), Eusebio Martínez, Joaquín Canosa, Borja Tajes (4), Cristian Vigo, Fabio Romar, Alberto Mas (3), Francisco Carril,Cristian Antelo, Diego Alonso, Fabián Canosa (3), Feliz Fateira, Xabier Canosa (1).

Parciais cada 5´: 2-1/4-2/5-3/7-5/8-7/12-9/Descanso/14-13/17-13/22-16/25-19/29-22/31-22/Final.

Colexiados: Fernando San Pedro e Gonzalo Miranda. En liñas xerais estiveron ben, con algún erro de apreciación pero que non influíu no resultado final.

Incidencias: 8ª xornada da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón municipal Vila de Noia ante cincocentos seareiros entre os de Carballo e os desprazados de Camariñas que contribuiron a un ambiente festivo de balonmán.

 Plantel Do Calvo Xiria e do BM. Camariñas Conservas Boya no encontro:

 Calvo Xiria contra Camariñas (Equipación verde)

BM. CAMARIÑAS CONSERVAS BOYA