O Calvo Xiria abre brecha na segunda praza

O Calvo Xiria logrou impoñerse o pasado sábado ao Seis Do Nadal de Vigo e aproveitou a derrota do conxunto de Lalín no Rosal para abrir unha brecha de catro puntos co terceiro clasificado, que agora mesmo é o Construcciones Castro Octavio. A diferenza na táboa nunca se poderá catalogar de definitiva a estas alturas do campionato, nin moito menos, dado o que aínda queda por diante e as moitas confrontacións complicadas que quedan por afrontar, pero si é un paso importante para os de Carballo, que ven como os seus rivais quedan sen marxe de erro.

En canto ao partido do pasado Sábado, diremos que non tivo maior historia. O Calvo Xiria mostrouse moi superior ao seu rival, a pesar de que o exceso de confianza e a falta de atención coa que saíron ao parquet do Vila de Noia, provocaron que os locais acumulasen numerosos faios e perdas de balón que non permitían lograr cómodas diferenzas no electrónico. No momento que os verdinegros sumaron varias defensas consecutivas e puideron explotar a súa velocidade ao contragolpe, a distancia aumentaría en poucos minutos e aqueles marcharíanse ao tempo de descanso cun resultado de 15-10 que deixaba o camiño máis sinxelo para o seguintes trinta minutos.

Os primeiros quince minutos da continuación foron similares ao que acontecera. O Calvo Xiria non terminaba por mostrar esa intensidade que lle caracteriza e conformábase con facer o xusto para manter as diferenzas con respecto ao seu rival (20-15 minuto 40). Foi entón, nos últimos vinte minutos, cando os bergantiñáns puxeron unha marcha máis e aumentaron as súas prestacións defensivas, o que lles levou a conseguir un avultado parcial de 16-5 e unha ampla vitoria (36-20) que lles dá o xa mencionado marxe no segundo posto da clasificación  á espera de visitar a difícil pista de Chapela o próximo fin de semana.

Calvo Xiria: 36 (15+21). Iago Gómez, Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (5), Gabriel Castiñeiras, Julián López (1), Brais Puñal (2), Fran Rey, Pablo Iglesias (8),Miguel Suárez-Pumariega (2), Juan Carlos Rodríguez (1), Manuel Méndez (7), Jorge Bouzas (2), Alejandro Calvete (2), Sergio Facal Fariña, Chimpo (6).

Magope Seis Do Nadal Coia: 20 (10+10). Dani Benjumea, Enrique Fernández (1), Alberto Bao (3), Denis Estévez (4), Diego García, Adrián Leiros (2), Marcos Treinta (2), Lucas Vigara (1), Pedro Toimil, Andrés Novoa (1), Martín Gayo (3), Yago Santomé (2), Sergio Mallo (1). .

Parciais cada 5´: 4-1/5-3/7-5/9-7/10-10/15-10/Descanso/16-12/20-15/25-16/29-17/31-18/36-20/Final.

Colexiados: Javier Gutierrez e Fernando López. Sen complicacións.

Incidencias: 20ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Vila De Noia ante trescentos seareiros.