O Calvo Xiria e Natalia Solís seguirán ligados unha tempada máis

A xogadora xalleira e o conxunto carballés continuarán camiñando da man durante a tempada 2021-2022, na que dende a entidade verde e negra tratarán de dar un paso á fronte para lograr cotas máis altas que a pasada campaña.

A potencia e a fortaleza personificada do Calvo Xiria ten un nome e ese non é outro que o de Natalia Solís Pose (Santa Comba, 1995), unha desas xogadoras que o deixa todo na pista con tal de axudar ao seu equipo a lograr o obxectivo.

Natalia seguirá sendo unha das pezas fundamentais do conxunto carballés e será chave en facetas de contención como defensora central; e tamén en labores ofensivos, na posición de pivote onde será un quebradeiro de cabeza para as defensas rivais, tanto abrindo ocos para que os aproveiten as súas compañeiras como facendo goles dende a liña de seis metros.