O Calvo Xiria imponse nun emotivo derbi ao Conservas Boya

Un novo derbi disputouse o pasado sábado en Camariñas, un novo, pero diferente aos anteriores, xa que a despedida do balonmán de Borja Tajes, actual xogador do conxunto camariñán e anteriormente do Calvo Xiria, marcaría de forma emotiva a confrontación.

 O ambiente non podía ser mellor, os Boya Blues amenizaban os prolegómenos do envite e as dúas afeccións, brancas e verdinegras, ían aos poucos enchendo as bancadas do pavillón Camariñán.

 Os puntos en xogo, unha semana máis, eran vitais para os de Carballo e o eran porque os seus rivais, nesa carreira por facerse cunha das dúas prazas que dan dereito á fase de ascenso, non cedían.

O Calvo comezou o encontro con esa responsabilidade e tal e como nos ten afeitos nos últimos tempos, asinou un inicio de partido intachable que obrigaba ao adestrador local a solicitar o seu primeiro tempo morto cando o electrónico sinalaba un perigoso 1-4 para os seus intereses. A continuación, vimos a ese Boya competitivo que nunca se dá por vencido e que aproveitaba os erros de lanzamento e as perdas de balón dos verdinegros nun dejavu que se vén producindo de forma preocupante nalgúns partidos.

Dominaban os de Xiria, pero non había tranquilidade posible ante a proximidade no marcador dos de Camariñas, que expoñían as súas armas e o seu plan ante as innumerables baixas por lesión que azouta ao equipo. Deste xeito chegábase ao termo do primeiros trinta minutos cun 11-15 favorable aos bergantiñáns.

Saíu o Calvo Xiria en tromba no segundo acto e conseguiría un 0-4 de parcial que parecía dar por finiquitado o encontro (11-19), pero quen coñece ao BM. Camariñas e á súa afección, sabía que aínda quedaba moito partido por diante. Os locais non se querían dar por vencidos e aproveitaban as exclusións coas que eran sancionados os de Carballo para non despegarse destes. A diferenza chegou a ser de nove goles a favor dos visitantes, pero o BM. Camariñas conseguía reducila a cinco (19-24) a falta de dez minutos. Estes, xogaron a súa última baza dispoñendo un par de mixtas, unha sobre Pablo e outra sobre Chimpo, pero o Calvo apelou á súa experiencia para non caer nas precipitacións e levar os dous importantes puntos en xogo para seguir na pelexa por eses dous primeiros postos da clasificación.

Ao finalizar o envite, afeccións, xogadores e técnicos, uníronse para ovacionar e despedir dos terreos de xogo a un gran deportista como Borja Tajes, desexándolle o mellor dos escenarios na súa vida persoal e mostrando o enorme agarimo que se lle ten a este deportista carismático dá Costa da Morte.

Conservas Boya BM. Camariñas: 22 (11+11). Alan Fuentes (5), Eusebio Martínez, Sergio Moreira, Borja Tajes (1), Cristian Vigo, Damián Martínez, Fabio Romar, Gonzalo Pombo (4), Cristian Canosa (2), Francisco Carril (2), Fabián Canosa (5), Felix Fateira, Cristian Antelo (3).

Calvo Xiria: 29 (15+14). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Gabriel Castiñeiras, Julián López (2), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (5),Juan Carlos Rodríguez, Manuel Méndez (6), Jorge Bouzas (7), Alejandro Calvete (1), Sergio Facal Fariña, Chimpo (4), Miguel Suárez – Pumariega (1).

Parciais cada 5´: 1-3/2-6/3-7/5-9/7-13/11-15 /Descanso/11-19/13-21/15-24/19-24/21-26/22-29/Final.  

Colexiados: Abel Juncal e Angel Mateos. Sen complicacións.

Incidencias: 23ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón O Areal de Camariñas ante catrocentos seareiros de ambos os conxuntos.