Inicio inmellorable dos alevíns en BM7

Metalúrgica BB Xiria A – BM.Xallas: 

1º:7- 3

2º: 9 – 7

3º: 5 – 4

4º: 7- 1

Álvaro García, Manuel García, Daniel Bello (4), Martín Cousillas, Marcos Amarelle (8), Brais Suárez, Hugo García (5), Henrique Traba (2), Erik Vázquez (9).

A liga alevín de BM7 comezaba o pasado sábado para os equipos de Xiria e no seu primeiro partido, os dous conxuntos non o puideron facer mellor.

Tanto Xiria A e Xiria B, enmarcados nos grupos A e B respectivamente, iniciaban a competición ligueira en casa e estreaban patrocinio. Metalúrxica BB unía a súa logo e daba o seu apoio a estes dous equipos alevíns que non puniron ter mellor estrea, gañando todos os tempos dos seus respectivos encontros e conseguindo por tanto un 8-0 cada un.

O Metalúrxica BB Xiria A, enfrontábase ao BM. Xallas de St.Comba ás 10:00 h do pasado Sábado no Vila De Noia. Aínda que conseguía a vitoria nos catro tempos e sempre mandaron no electrónico, os de Carballo tamén souberon sufrir nalgún momento, xa que o segundo e terceiro cuarto foron moito máis igualados.

Tanto no primeiro como no último, a defensa dos locais funcionou de maneira notable e isto propiciaba que houbese maior tranquilidade no xogo de ataque e menos urxencias para a portería contraria. 7-3 e 7-1 respectivamente foron os resultados nestes cuartos, que dan unha idea da superioridade dos bergantiñáns e a solvencia en ataque neses minutos.

Os outros dous tempos foron ben diferentes, xa que un BM.Xallas batallador e competitivo, puxo en maiores aprietos ao Metalúrxica BB Xiria A, sobre todo no terceiro cuarto, que non se dilucidou ata o último suspiro e cun axustado 5-4.

En definitiva, bo partido e gran resultado do equipo verde que lles fai comezar de forma inmellorable este camiño na competición de liga da categoría alevín.

Metalúrgica BB Xiria B – BM Culleredo DXTS Rayman

1º:11- 2

2º: 11 – 4

3º: 12 – 5

4º: 10 – 3

Alex Tato, Pablo Veiga (12), Manuel Rey (5), Miguel Cambón (2), Lucas Amado, Angel Villar (6), Xurxo Fraga (12), Maxi (1), Antón Pardiñas, Manu Pérez (6), Diego Barbeira.

Pola súa banda, o Metalúrxica BB Xiria B, no mesmo escenario pero unha hora máis tarde que os seus compañeiros (11:00 h), recibía ao BM Culleredo DXTS Rayman e impoñíase con autoridade e de forma incontestable ao bo conxunto coruñés.

Os carballeses asinaron un encontro sobresainte, baseándose desde o inicio nuns conceptos defensivos que foron levados á práctica de forma excepcional. A disuasión, a desposesión e a interceptación, formaban parte unha e outra vez da retagarda local, que xunto á solidariedade nas axudas, pechaban os camiños dos de Culleredo cara á portería defendida Alex Tato. Despois das moitas recuperacións de balón, a saída en contraataque en primeira onda non se facía esperar, o cambio de roles era instantáneo e daba escaso tempo aos visitantes para reaccionar, conseguindo, os xogadores de Xiria, rápidas diferenzas desde os primeiros instantes do partido. O ataque posicional desarbolaba á defensa rojilla con continuos desmarques sen balón e os pases da pelota que sempre chegaba aos xogadores mellor situados. É destacable a regularidade que os bergantiñáns expuxeron nos catro tempos e que lles levo a conseguir unha vitoria de forma tan contundente fronte a un rival de gran entidade e con moi bos conceptos balonmanísticos.