Fai once anos no pavillón de Vallobín (Oviedo), o Calvo Xiria lograba o ascenso de 1ª autonómica a 1ª nacional, nunha fase dominada con autoridade polos carballeses. O pasado sábado, os bergantiñáns regresaban ao mesmo escenario para conseguir, coa súa vitoria ante o Unión Financiera, o billete para disputar a fase de ascenso a DHP.
O partido era un todo ou nada en pugna co Lalinense, que buscaba unha vitoria e o tropezo dos de Carballo para acceder a esa segunda praza. Os de Oviedo, invictos na súa cancha, erixíanse como un bloque sólido e temible a pesar de non xogarse nada.
O Calvo Xiria arrincaba o choque concienciado no que se estaban xogando e tomaba as primeiras vantaxes e o que era máis importante, o dominio no xogo. Tras dez minutos onde a defensa verdinegra crecía con autoridade no 40×20 asturiano e o ataque superaba á retagarda local, os mozos de unión Financiera comezaban a entoarse e a poñer en aprietos aos centrais defensivos do Calvo Xiria explotando o xogo 2×2 co seu pivote. Lonxe de perder o rumbo, os bergantiñáns apelaron á calma e foi cuestión de tempo que de novo conseguisen axustar esa parcela defensiva. Xa só quedaban trinta minutos por diante para conseguir o obxectivo e o Calvo Xiria camiñaba pola senda correcta coa súa vitoria parcial por 11-15 no tempo de descanso.
O inicio do segundo acto foi onde os carballeses sementaron a vitoria final e é que cun 2-7 de parcial no primeiros quince minutos, o marcador disparábase ata os nove goles de diferenza (13-22). Foron uns momentos dun traballo defensivo excelso en colaboración coa portería, onde os locais só serían capaces de marcar dous goles. A pesar da diferenza, nos últimos instantes chegarían uns minutos de certas dúbidas e nerviosismo e é que a defensa local apertaba e mostrábase máis profunda, conseguindo que os de Xiria errasen varios lanzamentos de forma consecutiva. Unión financiera achegábase a catro goles, pero entón e a falta de tres minutos, chegaría a sentenza final e o Calvo Xiria rompería a súa seca anotadora para conseguir o triunfo que lle daba o billete cara a unha nova fase de ascenso.
A explosión de xúbilo saltaba entón na pista e na bancada, con afección e xogadores fundidos nunha emotiva celebración que lembraba a aquela de facía once anos.
Despois do sorteo celebrado hoxe nas instalacións da RFEBM, Asturias pode ser testemuña dun novo éxito do equipo e é que o azar quixo que o conxunto de Carballo desprácese a Avilés novamente a fin de semana do 17,18 e 19 deste mes para disputar esa fase de ascenso e tentar conseguir o que sería un feito histórico para o club. Xunto ao Calvo Xiria, os anfitrións Cafés Toscaf Avilesina, os cataláns de Uniuna Esportiva Sarriá e os valencianos do Visconfort Maristas Algemesí, competirán por conseguir a primeira praza deste grupo II e por tanto o premio gordo do ascenso.
Unión Financiera: 22 (11+11). Pablo García (2), Juan Echevarría (2), Carlos Alonso, Diego Blanco, Carlos Alberto Sánchez (1), Ignacio Fdez (3), Cesar Germán Sánchez (6), Rubén Menéndez (2), Juan Suárez, Ignacio Álvarez, Ramón De Villegas, Víctor Mon, Juan Casares (1), Ricardo Díez (4), Miguel González (1), Raul Echevarría.
Calvo Xiria: 27 (15+12). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (4), abril Castiñeiras, Cuco, Julián López, Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (3), Chimpo (9), Carlos García (3), Juanka, Enrique Pena, Manuel Méndez (4), Jorge Bouzas (4), Iván Amarelle.
Parciais cada 5´: 1-3/ 3-6/ 6-7/ 7-11/ 9-13/ 11-15/Descanso/13-18/13-20/ 13-22/ 16-25/ 19-25/ 22-27 Final.
Colexiados: Adrián Rodríguez e Francisco Fdez. Correctos.
Incidencias: Derradeira Xornada da primeira nacional de balonmano celebrada no pavillón Vallobín de Oviedo. Un escenario repleto de público e cunha bancada chea de siareiros do conxunto carballés.