O Calvo Xiria sumou unha importante vitoria na terceira xornada de Primeira Nacional tras impoñerse por 30-29 ao Granitos Ibéricos Carballal, nun encontro disputado este sábado no pavillón Vila de Noia.
O conxunto de Adrián Dubra entrou moi ben no partido, especialmente concentrado en defensa e conseguindo trasladar ese bo traballo ao seu xogo ofensivo. O bo inicio permitiu aos locais tomar rapidamente a iniciativa: 5-2 aos cinco minutos, 8-4 no 15′ e 9-6 no 20′.
Durante boa parte da primeira metade, o Xiria conseguiu sentirse cómodo, marcando o ritmo e mantendo ao Carballal por detrás no marcador. Porén, nos últimos dez minutos antes do descanso o equipo baixou un pouco o ton defensivo. Os visitantes souberon aproveitalo para reducir progresivamente a diferenza e chegar ao intermedio con todo aberto, 14-13.
Tras o paso polos vestiarios, o Calvo Xiria volveu amosar a súa mellor versión. O equipo subiu novamente o nivel defensivo, gañou intensidade e conseguiu correr e atopar situacións claras en ataque. O resultado foi un novo estirón no marcador: 19-15 no minuto 35 e 24-21 no 45′.
O Carballal tratou de cambiar o desenvolvemento do encontro modificando a súa proposta ofensiva e utilizando catro primeiras liñas, obrigando ao Xiria a realizar un importante esforzo defensivo e a adaptarse a unha situación diferente. Aínda así, os locais parecían ter o partido baixo control e chegaron ao minuto 50 cunha vantaxe de catro goles, 26-22.
Pero o encontro estaba moi lonxe de rematar.
O Carballal foi recortando pouco a pouco a diferenza e conseguiu levar o partido a uns últimos minutos de auténtico infarto. Do 30-26 do minuto 55 pasouse a un axustadísimo 30-29 final, co conxunto visitante apertando ata a última posesión.
Aí apareceu tamén un factor que volveu ser fundamental: a bancada do Vila de Noia. De novo viviuse un gran ambiente no pavillón e, especialmente neses últimos minutos nos que o equipo máis necesitaba o apoio, a afección empurrou ao Calvo Xiria para defender unha vitoria que se estaba complicando.
Finalmente, o Xiria levou o gato á auga. Soubo sufrir, resistiu o último intento do Carballal e conseguiu que os dous puntos quedasen en Carballo co 30-29 definitivo.
No apartado individual destacou especialmente Chema Negreira, máximo goleador do Xiria con 9 tantos. Tamén contribuíron Julián García, con 5 goles, e Hugo Rodríguez e Saúl Fuentefría, con 4 cada un.
Unha vitoria traballada e sufrida que deixa tamén aspectos sobre os que seguir medrando, pero que volve demostrar a capacidade do equipo para competir e responder cando o partido entra en momentos de máxima esixencia.
E a competición non dá tregua. A vindeira semana chega un derbi. O Calvo Xiria visitará o sábado ás 19:30 horas o pavillón de Tarrío, en Culleredo. Un partido especial para o que o equipo quere volver contar co seu xogador número 8: a afección.
Despois do ambiente vivido no Vila de Noia, o Calvo Xiria confía en que a bancada verde e negra tamén se faga notar a domicilio e que moitos afeccionados se despracen ata Culleredo para acompañar ao equipo nun novo reto.
Próxima parada: Tarrío. Próximo reto: o derbi. E queremos xogalo co noso xogador número 8. 🟢⚫


