Fin de semana inmellorable de balonmán no Pavillón Vila de Noia de Carballo. O Grupo Lemaco Xiria completou un Play Off de clasificación perfecto na categoría Xuvenil Feminina (Grupo B), sumando un pleno de tres vitorias que lle dá o paso directo á Liga Ouro, a competición que reunirá aos 10 mellores equipos de Galicia.
As xogadoras locais fixeron valer o factor cancha desde a primeira xornada nun torneo marcado polo alto ritmo e a intensidade defensiva. O torneo arrancou o venres co enfrontamento entre os dous equipos que finalmente liderarían a táboa. O Xiria sufriu para doblegar a un Bm. Lalín que vendeu cara a súa derrota. As locais impuxeron un alto ritmo desde o inicio pero foi o Bm. Lalín quen estivo máis acertado nos primeiros minutos o que obrigou ás carballesas a remontar para chegar ao descanso con táboas no marcador.
Na reanudación a férrea defensa das xogadoras de Zarra foi a que acabou dándolle a victoria cun parcial de 10-3, permitindo poucas concesións para así poder pechar o marcador cun claro 22-15.
Na xornada do sábado, as carballesas medíronse ao Bm. Chapela nun duelo no que souberon xestionar as vantaxes no marcador que chegaron ata os dez goles. Cun ataque fluído e transicións rápidas, aseguraron dous novos puntos ao vencer por 26-20, obtendo a clasificación matemática.
Na sesión matinal do domingo, o Xiria pechou a súa participación nun partido con moitas rotacións e de alto ritmo ofensivo contra o Cisne. O conxunto carballés certificou o primeiro posto no playoff cun 33-26 final ante un público entregado que desfrutou do encontro.
No outro encontro da última xornada Chapela e Lalín disputáronse a outra praza en xogo, que finalmente conseguiron as dezanas por un claro 31-13, nun partido que se rompeu tralo descanso despois dun primeiro tempo igualado.
Deste xeito, o Grupo Lemaco Xiria e o Balonmán Lalín acadan os dous billetes en xogo para competir entre a elite do balonmán galego xuvenil feminino na Liga Ouro.


