O Calvo Xiria segue sumando ante un gran Bueu ATL. BM

Os resultados que estaba a conseguir o Bueu ATL. como local e as dificultades que se estaban atopando os equipos no Pablo Herbello, facían presaxiar un duro encontro para o Calvo Xiria. Previdos por tales circunstancias, os de Carballo viaxaban a Bueu dispostos a sufrir e a traballar ao máximo para conseguir eses dous puntos que aínda os manteñen de forma matemática na loita polo primeiro posto.

A Intensidade coa que os locais arrincaron o encontro foi sobresainte, mostrando de forma evidente cales ían ser as súas armas neste enfrontamento. A velocidade e o alto ritmo imposto eran os acenos de identidade que os buenenses marcaron desde o principio e aos que se ía a ter que adaptar o Calvo Xiria para conseguir o seu obxectivo. Os verdinegros non lle ían á zaga ao seu rival e o vertigo convertíase en protagonista da escena que se estaba desenvolvendo no 40×20 da localidade pontevedresa.

Arroupados polo enfervorizado público, O Bueu ATL empezaba a conseguir vantaxes importantes e Fernando Vázquez debía de pedir o seu primeiro tempo morto ante un 5-2 ameazador e matizar as ideas e o «plan» co que o seu equipo acudía ao partido. Entraban en escena entón Juanca, Gabriel, Miguel e Calvete e co cambio defensivo a 5:1, o electrónico igualábase co paso dos minutos. Demasiada precipitación por parte dos carballeses nesta primeira media hora e pouco xogo colectivo que deixaban todo por dilucidar ante o 14-14 co que terminaría o primeiro acto.

Na segunda parte, o Calvo Xiria mellorou defensivamente, de aí os 11 goles encaixados, aínda que o encontro non se liquidaría ata os minutos finais. Curiosamente, o Calvo Xiria conseguiría despegarse do Bueu en inferioridade númerica, xusto no momento máis delicado, cando Brais Puñal sufría unha descualificación que lle impediría seguir participando no partido. A vantaxe aumentaría no momento no que o encontro chegaba ao seu final e os berganiñanos aproveitaban as imprecisións dun rival que xa remaba contra o crono.

Con esta vitoria, o Calvo Xiria segue o ronsel do lider, que tampouco falla e suma unha inmellorable experiencia ante as esixencias con que se vai a topar na fase de ascenso a DHB.

Bueu ATL BM: 25 (14+11). Mauro Bacelar, Ramón Curra,  Brais López (4), José López (5), Andrés Bacelar (5), Gonzalo García (2), José María Quintela (7), Eduardo Alonso, Sergio Piñeiro, Nicolás Mauricio Hernández, Ignacio Thomas Porta, Antón Rey (1), Simón Cerviño, David Iglesias (1).

Calvo Xiria: 29 (14+15). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras (1), Julián López (2), Brais Puñal, Pablo Iglesias (2),Juan Carlos Rodríguez (4), Manuel Méndez (5), Jorge Bouzas (4), Alejandro Calvete (2),Chimpo (3), Miguel Suárez – Pumariega.

Parciais cada 5´: 3-2/6-4/6-6/10-10/13-13/14-14 /Descanso/15-15/17-18/20-21/23-23/24-26/25-29/Final.  

Colexiados: Marcos Pérez e Pablo Álvarez. Non estiveron acertados no día de hoxe, inda que non tiveron influencia no resultado final.

Incidencias: 27ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Pablo Herbello de Bueu ante trescentos seareiros.