O Calvo Xiria suma unha gran vitoria na difícil cancha do Rodosa Chapela
O Calvo Xiria suma e segue, neste caso na difícil cancha do Rodosa Chapela e ante un dos grandes rivais desta primeira nacional. Tal e como nos ten afeito o…

O Calvo Xiria suma e segue, neste caso na difícil cancha do Rodosa Chapela e ante un dos grandes rivais desta primeira nacional.
Tal e como nos ten afeito o conxunto verdinegro neste 2018, saíu á cancha redondelana moi concienciado polo que había en xogo e así se adiantou nos primeiros cinco minutos cun parcial de 0-4 que obrigaba ao seu rival a pedir o primeiro tempo morto. O dominio neste primeiro tempo foi total e, a pesar da reacción dos locais, tentando mostrar a súa fortaleza nos lanzamentos exteriores, os bergantiñáns puxeron en liza unha intensa e agresiva defensa que completaban coa velocidade no contragolpe. Superioridade do Calvo Xiria no ataque posicional ante o 6:0 de gran talla do Rodosa Chapela e é que a velocidade da pelota, os continuos cambios de postos e a mobilidade de todos os xogadores, abrían brecha na retagarda local para adiantarse no marcador no tempo de descanso por un cómodo 11-18.
Tentaron a reacción os de Chapela e conseguiron achegarse no marcador ata os catro goles de diferenza, grazas aos lanzamentos exteriores que facían dano á retagarda do seu rival que agora actuaba en 6:0. De novo o cambio defensivo do Calvo Xiria, aumentando de forma visible a profundidade, cortocircuitaba aos lanzadores de primeira liña e conseguía varias interceptacións de balón que aumentaban de novo a diferenza ata ese 24-35 final. Con esta importante vitoria, o Calvo Xiria continúa en segunda posición da clasificación e mantén os catro puntos de diferenza con respecto aos seus inmediatos perseguidores á espera de recibir o vindeiro sábado no Vila de Noia ao conxunto da Cañiza.
Rodosa Chapela: 24 (11+13). Juan Bautista Tizón (1), Chema Cid (2), Pablo Orge, Rubén Figueirido (4), Estanislao Erselle (2), Adrián Fritiría (7), Pablo Casal, Pablo Vidal (6), Iago Igrexas, Carlos Ferreira, Pablo Martínez (2), Angel Táboas, Alex Sánchez (1).
Calvo Xiria: 35 (18+17). Antonio Mato, Carlos Vilanova (6), Gabriel Castiñeiras, Julián López (4), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Igrexas (5), Chimpo (7), Miguel Suárez- Pumariega (1), Juan Carlos Rodríguez (4), Manuel Méndez (1), Sergio Facal, Jorge Bouzas (6), Alex Calvete (1), Iago Gómez.
Parciais cada 5´: 0-4/2-7/5-11/8-13/9-15/11-18-Descanso-13-20/17-23/18-23/20-26/21-33/24-35-Final.
Colexiados: Andrés Leandro e Diego Pastoriza. Correctos.
Incidencias: Encontro da 1ª nacional grupo A correspondente a xornada 21 e celebrado no municipal de Chapela ante trescentos siareiros.


