O Calvo Xiria continúa avanzando na súa posta a punto para o inicio da tempada 2026/27. O conxunto carballés impúxose este venres ao Disiclín Lalín por 27-29, na penúltima proba da pretemporada, un encontro esixente que permitiu ao equipo seguir acumulando minutos de competición e axustando detalles antes de afrontar a recta final da súa preparación.
Foi un partido igualado, con alternativas e que obrigou ao Xiria a competir ata os últimos minutos. Máis aló do resultado, o encontro volveu cumprir cun dos principais obxectivos destas semanas: repartir minutos, probar diferentes situacións de xogo e continuar consolidando o traballo colectivo, especialmente despois de varias semanas cunha importante carga física e técnico-táctica.
O Calvo Xiria foi de menos a máis en ataque. Tras anotar 12 goles durante a primeira metade, o equipo mellorou as súas prestacións ofensivas despois do descanso para conseguir outros 17 tantos, alcanzando os 29 que terminarían dando a vitoria. O conxunto carballés finalizou o encontro con 29 goles en 47 lanzamentos. No apartado individual destacou Julián García, máximo realizador do equipo con 9 goles,, seguido por Pablo Veiga, que conseguiu 6 tantos. Outra das lecturas positivas estivo na capacidade do equipo para xerar actividade defensiva e correr. O Xiria contabilizou 12 recuperacións de balón e reduciu a sete as súas perdas, aínda que o encontro tamén deixou aspectos que corrixir, especialmente na finalización, algo lóxico aínda nesta fase de preparación.
O 27-29 final permite ao Calvo Xiria pechar con boas sensacións a penúltima estación dunha pretemporada na que o resultado continúa estando nun segundo plano fronte ao obxectivo principal: chegar preparados ao comezo de Liga. Cada partido está a servir para sumar ritmo competitivo, afianzar conceptos e comprobar a evolución do grupo.
Agora soamente queda unha última proba de pretemporada. O Calvo Xiria viaxará a Lamego (Portugal) para disputar o seu último amigable antes de centrar definitivamente toda a atención na estrea ligueira.


