Un encontro que tiña dominado o Grupo Lemaco a quince minutos da finalización e que parecía que ía rematar cun resultado contundente dos de Xiria, cambiou de rumbo de forma incomprensible nos últimos instantes e acabou con empate no electrónico.
Tardaron os carballeses en asentarse sobre o terreo de xogo e os primeiros algarismos eran de absoluta igualdade no marcador, pero un parcial de 1-4 no últimos cinco minutos do primeiro tempo, propiciado por un sobresainte xogo colectivo no ataque posicional, daba unha moi boa vantaxe aos verdinegros cara á continuación (12-16).
Saíron os visitantes a sentenciar o encontro e apoiados na velocidade e o bo xogo desenvolvido por parte da primeira liña, puñan terra polo medio mediada a segunda parte e cun equipo local a mercé dos visitantes (20-26). Tan só os 12 lanzamentos fallados dende os 6 metros, impedían que o envite estivese sentenciado neste momento. Foi entón cando se produciu o curtocircuíto e tras unha dobre mixta dos locais, os bergantiñáns non souberon resolver en ataque, amosandose excesivamente nerviosos e abusando das situacións no 1×1. Apareceron momentos de dúbidas nos que as perdas de balóns, provocaban contragolpes e lanzamentos sinxelos dos redondelanos sós contra o porteiro e a vantaxe reducíase aos poucos. A situación foi a peor cando as dúbidas estendéronse á defensa e o que antes eran situacións que se resolvían con facilidade ante os ataques dos de Redondela, agora eran estes os que superaban e conseguían o seu obxectivo. o final foi de infarto e un xogador defendido en mixta, consegue escapar do seu defensor e materializar o empate a falta de corenta segundos para o final. O Grupo Lemaco, dispón dun último ataque, pero os de casa conseguen un golpe franco a falta de dez segundos. Os xogadores da SAR se arremolinan en 9 metros, non deixando sacar a falta e os árbitros, incomprensiblemente, non paran o tempo nin sancionan a ningún xogador dos que impedían poñer o balón en xogo. O tempo esgótase e os verdinegros teñen que efectuar un golpe franco directo que non transforman en gol, rematando o partido en táboas.
A semana que vén, o Grupo Lemaco Xiria recibe a un duro rival, o BM.Porriño. Os carballeses, que desexan recuperar a quinta praza da clasificación, terán que realizar un gran partido si queren imporse a un gran conxunto como o porriñés.
SAR: 31 (12+19). Rafael, David (11), Pedro (3), Pablo (3), Yeray (8), Iago (3), Alberto (2)-Equipo Inicial-Yahía, Costas, Lucas, Gabriel, Chao (1), Carballido.
Grupo Lemaco Xiria: 31 (16+15). Manuel Souto, Carlos Vilanova (11), Fran Rey (2), Ronaldo Durán, Andrés Vila (5), Juan Carlos Rodríguez (10), Andy Rey-Equipo Inicial-Antonio Mato, Samuel Castiñeiras, José Varela, Antón Traba (1), Roi Alfeirán (1), Sergio Pombo, Manuel Sánchez, Daniel Esmorís (1).
Parciais cada 5´: 2-2/6-6/7-7/10-9/11-12/12-16/Descanso/14-19/17-22/20-26/25-28/28-29/31-31/Final.
Árbitros: Tatiana González e Alfredo Balado. Exluiron con dous minutos a Alberto, Lucas e David polos locais e a Andy Rey e Fran Rey polos visitantes.
Incidencias. Partido correspondente a 21ª xornada da liga de División de Honra en categoría cadete masculino disputado no pavillón da Bombonera de Redondela. Numerososseareiros que se desprazaron dende Carballo para ver o encontro.


