O Laber Xiria dá un paso de xigante cara ao campionato de España

O Laber Xiria completou un excelente encontro en Redondela fronte á SAR e impúxose por un xusto 25-29 que lle deixa a unha soa vitoria de clasificarse para o campionato de España de forma matemática. Os de Carballo terán que facer os deberes nas dúas últimas xornadas de liga, pero o obxectivo está ao alcance da man.

Conscientes do que se xogaban no envite, os verdinegros dominaron o partido de principio a fin, competindo de forma seria e rompendo o partido na segunda metade, cando a fatiga empezaba a facer madeixa nos locais. O alto ritmo imposto polos de Xiria, foi clave no transcorrer do encontro, así como o bo facer da súa retagarda. Neste sentido cabe destacar a un Iván Calvo inconmensurable, sobresainte nos contactos, na disuasión e no roubo do balón. Os seus compañeiros non lle ían á zaga e o traballo defensivo dos carballeses anulaba e deixaba sen ideas ao ataque dos redondelanos. Coa tranquilidade de non ver a súa portaría perforada, os de Xiria remataban a boa faena ao contragolpe e conseguían ese 25-29 nunha das pistas máis complicadas desta liga.

A semana que vén e xa en casa, o conxunto de Laber Xiria tentará conseguir eses dous puntos que lles de, de forma matemática, a clasificación para o campionato de España. O rival, o BM.Porriño, é un dos conxuntos fortes do campionato e os de Xiria terán que facer un encontro moi serio si queren imporse e conseguir o obxectivo.

SAR: 25 (11+14). Couñago, David (7), Vidal (3), Sergio (3), Lois (2), Mosquera (4), Yeray (2)-Equipo Inicial-Nicolás, Gael (1), Amoedo, Sanromán (1), Anxo (1), Santamaría, Lucas, Iago (1).

Laber Xiria 29 (13+16). Antonio Mato, Iván Campos (5), Diego Gago (2), Lolo (2), José Pereira (3), Iván Calvo (8), Dani García (3)-Equipo Inicial- Damián Rodríguez (2), Dani Buño, Gabriel Castiñeiras (3), Alex Figueroa, Enrique Pena, Borja González, Borja Rodríguez (1), Tito.

Parciais cada 5´: 2-1/5-4/6-7/7-9/9-9/11-13/Descanso/13-17/14-19/17-20/20-24/22-27/25-29/Final.

Árbitros: Alfredo Balado e Tatiana González. Excluiron con dous minutos a Vidal polos locais e a Damián Rodríguez polos visitantes.

Incidencias: Encontro da xornada 21ª da liga de División de honra en categoría xuvenil masculino disputada no pavillón da Bombonera, en Redondela. Numerosa presenza de seareiros desprazados dende Carballo.