O Grupo Lemaco Xiria, campión da Copa Federación cadete

O Grupo Lemaco Xiria se alzou co título ao derrotar ao Bueu Atlético Balonmán, campión da Liga Galega, nun partido sobresainte en todas as facetas, no que os carballeses amosaronse moi superiores ao seu rival dende o inicio.

BUEU ATL. BALONMÁN – GRUPO LEMACO XIRIA (35-51).

Grupo Lemaco Xiria (23+28): Antonio, Carlos (9), Gabriel (6), José (8), Dani, Iván (7), Juanca (14) – Equipo inicial – Álex, Andrés (2), Souto, Tito, Borja (2), Alberto (2), Diego (1).

Os bergantiñáns comezaban o encontro cunha alta intensidade e en poucos minutos asinaban un 1-4 que obrigaba ao adestrador pontevedrés a solicitar o seu primeiro tempo morto. De pouco serviría este xesto, xa que o Grupo Lemaco ampliaría paulatinamente a súa diferencia no electrónico (3-9 e 4-13) apoiandose nunca velocidade endemoniada no seu xogo. A intensidade defensiva dos verdibrancos e a pouca precisión nos lanzamentos amosada polos de Bueu nestes primeiros minutos eran as claves para que os de Xiria acadaran esta ampla diferenza, apoiandose no seu letal contragolpe. Os de Carballo, moito máis metidos no partido, xogaban de forma sinxela e disciplinada no seu ataque, a través dos procedimentos entrenados e, coa velocidade de balón como o seu máximo expoñente, atopaban os espazos efectivos cara ao lanzamento. A defensa dos locais viuse superada no día de hoxe en todo momento e non foron capaces de frear tanto as accións individuais como o xogo colectivo do seu rival. Ao descanso, o 16-23 que reflectía ó marcador poñía as cousas moi a prol dos carballeses, aínda que faltaba moito por xogar, dada a calidade e a identidade do rival.

Na reanudación, os locais sairon cunha marcha máis, sabedores de que o tempo xogaba na súa contra e de que a final se lles estaba escapando de xeito claro. A pesar deste feito, o Grupo Lemaco estábase a amosar como un equipo maduro e concentrado e non se deixaría amilanar polos novos folgos do Bueu. Pola contra, continuaban os de Carballo a competir de xeito impecable, comandando o encontro con absoluta autoridade. Os primeiros minutos desta segunda metade foron un toma e daca, onde os ataques de ambos equipos impoñíanse ás defensas rivais, pero neste xogo os bergantiñáns tamén tiñán as de gañar, dada a vantaxe da que gozaban no marcador. Foron apenas dez minutos de loucura, onde cada ataque anotábase como gol, pero a partir de aquí, os verdibrancos voltaron a axustar a súa defensa e romperon definitivamente o partido cunha renda de 12 goles a falta de dez minutos. Os derradeiros momentos do envite foron unha festa, os de Bueu baixarían definitivamente os brazos e os de Xiria, cheos de algarabía, perderían toda a tensión acumulada durante os cincuenta minutos previos, feito que aproveitarían os locais para engrosar a súa conta goleadora ata os 35 goles. O xúbilo estalaba co asubío final e ó orgullo colectivo cando o capitán Iván Calvo levantaba a copa, entregada polo presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Luís Pérez Ouro. O Grupo Lemaco, era o novo Campión de Copa, un broche de ouro para unha excelente tempada dos cadetes das Escolas de Balonmán Xiria.