Os árbitros suspenden o encontro entre o Rodosa Chapela e o Calvo Xiria
O Calvo Xiria viaxaba o pasado sábado á localidade de Chapela, pertencente ao concello de Redondela, coa obrigación de gañar nunha das pistas máis difíciles da categoría e desta forma…

O Calvo Xiria viaxaba o pasado sábado á localidade de Chapela, pertencente ao concello de Redondela, coa obrigación de gañar nunha das pistas máis difíciles da categoría e desta forma poder seguir ocupando a segunda praza da clasificación que ofrece a posibilidade de disputar a fase de ascenso a DHP.
Como nos teñen afeitos nos momentos máis críticos, os de Carballo expuxeron o seu mellor nivel no municipal de Chapela, agora denominado, con total merecemento, Manuel González Soto.
Os verdinegros saíron intensos na súa retagarda, apostados nunha defensa 5:1 profunda e flanqueados por un gran Iago na portería. A velocidade no contragol e o contraataque, sempre claves no xogo dos bergantiñáns, daban os seus froitos e abríanse as primeiras diferenzas no marcador (2-4). O xogo no posicional outorgaba variedade de posibilidades en canto á finalización e tanto a primeira liña como a segunda, estaban sobresaintes fronte a portería contraria. O Calvo Xiria estaba a mostrarse moi superior ao seu rival en todas as facetas do xogo e o marcador así o testemuñaba unha vez que se chegaba ao tempo de descanso (10-17).
Na continuación a cousa non cambiaría e aínda que nos dous primeiros ataques os visitantes cometerían senllos erros e perderían o balón, voltarían a recuperar o mando e o ritmo do envite, mantendo a diferenza e conseguindo un sete metros que podería aumentar a distancia ata os oito goles. Neste momento e cando o electrónico reflectía un 12-19, os xogadores locais protestaban a pena máxima e os dous minutos de exclusión a un compañeiro seu. A cousa iríase quentando, as sancións disciplinarias farían aparición e como última medida, os colexiados decidirían suspender o encontro cando apenas pasaban cinco minutos deste tempo por ameazas dun xogador local á persoa dun dos árbitros.
Agora haberá que esperar a decisión do comité de competición da RFEBM con respecto a este encontro; se se ten que renovar no minuto da suspensión e co marcador que o partido reflectía no mesmo ou se se toma outro tipo de resolución. No caso de que se deban de disputar os minutos restantes, lembrar que o partido se deberá de renovar con 12-19 a favor do Calvo Xiria, cun sete metros que deberá de lanzar o conxunto de Carballo e coa superioridade numérica da que deberá de gozar despois das sancións disciplinarias dos diferentes xogadores do conxunto locatario.
Rodosa BM Chapela: 12. Juan Tizón, Chema Cid (3), Rubén Fiueirido (3), Roberto Sánchez (2), Toño Lafuente, Rubén Gómez, Adrián Lomba, Pablo Martínez, Pablo Casal (2), David Rey, Alex Sánchez (2), Pablo Vidal, Pablo Romero, Carlos Ferreira, Miuel Roibas, Samuel Sarandeses.
Calvo Xiria. 19. Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Cuco, Julián López, Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (1), Chimpo (5), Carlos García (4), Juanka (1), Enrique Pena, Manuel Méndez (2), Jore Bouzas, Alejandro Calvete (3), Iván Amrelle.
Parciais cada 5´: 2-4/ 3-6/ 5-10/ 7-13/ 8-16/ 10-17/Descanso/12-19/Suspendido.
Colexiados: Juan Manuel Vinagre e José Domingo Vega. Non tiveron problemas nos primeiros trinta minutos, ainda que decidiron suspender o encontro na reanudación polos feitos acontecidos.
Incidencias: Xornada 26 da primeira nacional de balonmano celebrado no pavillón Manuel González Soto ante douscentos siareiros, algúns deles chegados dende Carballo. A xornada comenzara emotiva, xa que o clube locatario organizou un acto que rematou ca placa que da o nome do expresidente do Chapela, falecido recentemente, ao municipal da localidade. O Calvo Xiria colaborou entregando un ramo de flores a viuda de Manuel González Soto.


