Partido completo do Calvo Xiria na difícil cancha de Ribadavia

Onte Sábado, o Calvo Xiria viaxaba á difícil pista de Ribadavia para enfrontarse ao Carnes Doribeiro. O conxunto ourensán, recentemente ascendido, confeccionou un plantel dun gran nivel na súa estrea na 1ª Nacional de balonmán e aínda non coñecía a derrota no seu feudo, a pesar e enfrontarse xa ante equipos de de a talla de Chapela ou Unión Financera Oviedo. Os de Xiria por tanto, viaxaban coa mentalidade de traballar durante sesenta minutos con seriedade e efectividade para lograr o obxectivo dos dous puntos, a sabendas de que as dificultades que se ían a atopar eran grandes.

O Calvo Xiria completou o seu mellor encontro no que vai de tempada e asinou sesenta minutos sen fisuras nos que sempre foron por diante no electrónico, a pesar do empuxe e o alto espírito competitivo do seu rival.

Comezaron os bergantiñáns facendo da súa retagarda un baluarte, recollendo os froitos do contraataque e o contragol para apropiarse do partido nos primeiros minutos e impoñer o ritmo que máis lles interesaba. No ataque o equipo mostrábase efectivo e conseguía unha importante renda de catro goles no meridiano do primeiro tempo (6-10). Contestaba entón o conxunto local que se negaba a perderlle a cara ao partido e cun 4-1 de parcial volvía meterse de cheo no envite (10-11 minuto 20). Eran instantes nos que os parciais caían dun ou outro lado, pero o Calvo Xiria golpearía definitivamente ao fío do descanso cun contundente 1-5 para levar unha renda de cinco goles ao vestiario (11-16).

Na continuación, os bergantiñáns manterían as diferenzas con seriedade e aguantando as arremetidas dos de Ribadavia, que loitaban por reducir as diferenzas. Os verdinegros esperarían o seu momento para finiquitar o encontro e este chegaría nos últimos dez minutos, onde definitivamente dobregarían ao seu rival cun 4-8 de parcial para seguir invictos e superar con nota a dificultade deste enfrontamento.

Para a semana que vén, o Sábado ás 20:00 h, o Vila De Noia poderá vivir o primeiro derbi da tempada, un encontro sempre especial e interesante fronte ao OAR da Coruña.

Carnes Doribeiro Ourense Provincia Termal: 24 (11+13). Angel Táboas, Iago Cuadrado (1), Xosé Canedo (8), Jesús Pérez, Juan Sotelo (1), Rafael Fernández (1), Rogelio Domínguez (1), Celso Sotelo (6), Borja González (2), Miguel Angel Domínguez, Pablo Lorenzo (1), Rodrigo Touza, Nicolás González (2), Aleixandre González (1).

Calvo Xiria: 34 (16+18). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (9), Gabriel Castiñeiras,  Julián López, Brais Puñal (1), Fran Rey, Pablo Iglesias (4), Chimpo (9), Iván Amarelle, Iago Franco, Manuel Méndez (1), Jorge Bouzas (4), Alejando Calvete (1), Enrique Pena Pensado, Juanka (5).

Parciais cada 5´: 3-4 / 5-5/ 6-10/ 10-11/ 11-14/ 11-16/Descanso/13-18/ 15-22/ 18-25/ 20-26/ 22-29/ 24-34. Final

Colexiados: Cristian Da silva e Tomás Luis García. Excluiron a Iago Cuadrado (3) e Xosé Canedo polo bando local e  a Julián López e Manuel Méndez (2), por parte do Calvo Xiria..

Incidencias: Encontro da 8ª xornada da 1ª nacional celebrado nun pavillón do Consello de Ribadavia repleto de público.