S.D. OCTAVIO VIGO 28 – VIPECÓN XIRIA 38

S.D. Octavio Vigo: 28 (15+13): Pedro, Álex (6), Pablo (6), Andrés (3), Conde (3), López (3), Rogelio (3) -equipo inicial- Miguel, Iván, Pedro, Antón (2), Jesús, Xurxo (2), Dani.

Vipecón Xiria: 38 (17+21): Zúpez, Edu (4), Martín (7), Javi (5), Jorge (9), Álex (3), Rubén Gómez (7) -equipo inicial- Miguel, Calvete, Alberto (2), Julián, José, Marc, Anes (1).

Colexiadas: Andrea e Tania Rodríguez.

¡¡¡CAMPIÓNS GALEGOS!!!
O VIPECÓN XIRIA proclamouse CAMPIÓN GALEGO o pasado domingo en terras viguesas, nun encontro disputado na pista do Frontón da cidade olívica ao imporse, na derradeira xornada de liga na División de Honra Cadete, ao Octavio, outro dos gallitos da competición.
Os xogadores carballeses sairon un tanto atenazados e ansiosos, sabedores do moito que se xogaban no envite, xa que outro resultado que non fose a vitoria no día de hoxe poríalle en bandexa o título ao Balonmáne Lalín, que agardaba o erro dos carballeses a tan só un punto na táboa.
As distancias eran curtas nos primeiros compases, pero o equipo de Carballo sempre comandaba o electrónico. Os locais poñían todo o empeño na súa casa para conseguir unha prestixiosa vitoria contra o líder, pero os xogadores do Vipecón loitaban en defensa para impedir tal feito. Os primeiros trinta minutos remataban cun axustado 15-17 e a reanudación prometía ser de infarto para os numerosos seareiros de Xiria que se desplazaron a Vigo.
Na segunda metade, o equipo visitante non quería dar concesións nin lugar a sorpresas que puideran ser fatais, polo que saíron como un ciclón. Este si era o noso Vipecón, ese que apreta aos seus rivais, o que demostra solidariedade na pista, compromiso e unha intensidade defensiva que destroza aos seus rivais. A partir destas premisas, a velocidade, o seu contraataque, tanto en primeira como en segunda oleada, actuaban como un estilete para a zaga local e poñían, en apenas úns minutos, un parcial de 0-4 que aumentaba a diferenza no marcador ata os seis goles. A defensa era inexpugnable e os minutos pasaban, en definitiva, a gloria estaba máis cerca de facerse realidade. Os últimos dez minutos de partido afrontábanse con oito goles de renda a prol dos do Xiria, os seareiros xa saltaban de ledicia e os cánticos facíanse atronadores en pro dos de Carballo. O pitido final do árbitro, o sonido da chicharra, anunciaba a explosión de xúbilo por parte da afección, dos técnicos, dos xogadores…, un sono facíase realidade na mañá do domingo con ese 28-38 que se iluminaba no marcador do Frontón e o Vipecón Xiria conseguía o tan ansiado título de CAMPIÓN GALEGO que ademáis lle da o único billete que ten Galicia para participar no campionasto de España.
Os rapaces de Fernando Vázquez fixeron unha campaña espectacular sendo o equipo máis goleador e o menos goleado, cedendo, con unha derrota e un empate, tan só 3 puntos en toda a competición.
Este título fala dun plantel de rapaces cunha calidade deportiva e humana sen parangón, cun espíritu de traballo sobresaínte e unha competitividade exquisita para seguir crecendo no tempo de forma individual e como conxunto. Sen dúbida, un grupo humano que hoxe escribe o seu nome en maiusculas dentro da familia Xiria, pero que promete redactar moitas máis liñas de forma exitosa na nosa entidade: NORABOA RAPACES, SODES OS MELLORES!!
Agora toca celebrar e disfrutar deste éxito, pero sen relaxacións, porque en dez días retómase a competición de Copa na que o Vipecón está xa nas semifinais, e na fin de semana do 6,7 e 8 de maio a fase estatal do Campionato de España nunha sede por determinar.