SEIS DO NADAL COIA 26 – VIPECÓN XIRIA 31
Seis do Nadal Coia 26 (10+16): Carlos, Pedro (6), Dani (2), Xoel (3), Xabi (2), Manuel (3), Álex -equipo inicial- Oliveira, Pablo (4), Jacobo, Samuel, González, Borja, Diego (6). Vipecón…
Seis do Nadal Coia 26 (10+16): Carlos, Pedro (6), Dani (2), Xoel (3), Xabi (2), Manuel (3), Álex -equipo inicial- Oliveira, Pablo (4), Jacobo, Samuel, González, Borja, Diego (6).
Vipecón Xiria 31 (17+14): Bisbi, David (11), Luís (1), Javi (6), Álex (2), Edu (3), Miguel (6) -equipo inicial- Héitor, Jorge Bouzas (2), Jorge Viñas, Iván, Rubén, Martín.
Colexiados: Pedro Eiras e Andrés Rosendo.
O Vipecón Xiria visitaba o barrio vigués de Coia para enfrontarse ao Seis do Nadal, na 15ª xornada de liaga na División de Honra Cadete. Os de Carballo viaxaban coa obriga de puntuar para seguir mantendo a 2ª posición en solitario.
O partido comezaba con moita intensidade e os de Carballo, que entraban con moita forza no encontro, tomaban a dianteira, baseándose nunha boa e contundente defensa. Lonxe de darse por vencidos, o Sedona non lle perdía a cara ao partido e traballaba convencido de que quedaba moito por xogar. Os visitantes mantiveron o bo facer durante toda a primeira metade e aumentaban progresivamente a distancia no marcador que, nalgún momento, chegou a ser de oito goles. O 10-17 do descanso era unha boa renda para os do Xiria, pero de calquera maneira os locais estaban a facer un bo encontro, cun bo ritmo, e que non daba a impresión de estar sentenciado.
A reanudación foi moito máis complicada para os carballeses, xa que os do Seis do Nadal afianzábanse na cancha, atopando solucións en ataque polos extremos e, sobre todo, no xogo co seu pivote. Notouse certa tensión no cadro visitante cando os de Vigo chegaban a poñerse a tan só tres tantos de diferenza nos compases finais, pero os do Vipecón tan só tiveron que enlazar dúas boas accións defensivas para irse de novo os cinco goles de renda, 26-31, resultado co que remataba o partido e que permite que o Xiria siga ocupando esa segunda praza na taboa clasificatoria.
A vindeira xornada o Vipecón Xiria enfróntase a domicilio ao Bueu Atlético, penúltimo clasificado.