Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

SERGIO FACAL, PRIMEIRA FICHAXE DO CALVO XIRIA PARA A CAMPAÑA 2011-2012

Sergio Facal Fariña (Carballo, 1981) convértese na primeira incorporación do Calvo Xiria para a tempada 2011-2012, na que o equipo carballés, subcampión de liga a pasada campaña, volverá a competir…

Sergio Facal Fariña (Carballo, 1981) convértese na primeira incorporación do Calvo Xiria para a tempada 2011-2012, na que o equipo carballés, subcampión de liga a pasada campaña, volverá a competir na 1ª División Estatal, 3ª categoría en importancia do balonmán español.

O xogador carballés, que se desenvolve na posición de extremo, trátase dun vello coñecido, posto que se formou na base do club e militou nos dous equipos sénior do Xiria. Comezou a súa etapa como sénior na campaña 1999-2000 no segundo equipo que por aquel entón competía na Liga Territorial, baixo as ordes de Fran del Valle, equipo no que milita durante tres tempadas. Xa no curso 2002-2003 pasou a engrosar as filas do Calvo Xiria de 1ª Estatal, permanecendo no equipo, que dirixía Juan Fernández, durante tres campañas. Motivos académicos levárono a abandonar o Calvo Xiria e pasar a competir co Balonmán Carballo, de Toni García, na tempada 2005-2006 na 2ª Nacional. Finalmente os seus estudos imposibilitáronlle durante tres cursos poder seguir competindo ata que, na tempada 2009-2010, ficha no Balonmán Ártabro, de 2ª Nacional, equipo co que xoga durante tres meses. Unha vez que deixa o Ártabro, en xaneiro do 2010, pasa a adestrar, de xeito regular co Calvo Xiria, sendo considerado como un membro máis da plantilla, pero motivos laborais impedíanlle poder competir ata esta temporada que comeza.