Xa fai unhas semanas que as EBM.Xiria e o pobo de Carballo están de noraboa: o Pavillón Vila de Noia da capital municipal, acolle entre o 24 e o 26 de abril o sector do Campionato Estatal Xuvenil Masculino de balonmán que organizan as Escolas Balonmán Xiria (EBX) xunto co Concello de Carballo, as Federacións Galega e Española de Balonmán e a Fundación Deporte Galego. Tan só dous días para que de comenzo esta gran cita deportiva do balonmán. Segundo explica o adestrador das EBM.Xiria, Fernando Vázquez, trátase do sector A, que permitirá que o gañador dispute a fase final na que estarán os oito mellores equipos de España da categoría, e na que compite o anfitrión, o Laber Xiria (subcampión galego) xunto co Real Grupo Cultural Covadonga de Gijón (campión de Asturias), o Semillas KWS Balopal de Palencia (subcampión de Castilla León) e o Indupime Bausauri de Bizcaia (terceiro clasificado na Liga Euskadi). Vázquez subliña que se trata dunha eliminatoria «moi igualada» na que calquera pode gañar e na que o Laber Xiria ten posibilidades de pasar á seguinte fase. De conseguirse, sería a terceira ocasión na que o Xiria pelexa entre os oito mellores de España, ademais de que tamén é a terceira vez na que Carballo e as EBM.Xiria son os anfitrións desta cita deportiva, na que o público poderá gozar cos mellores equipos que hai nestes momentos na categoría. O Vicepresidente das EBX, José Antonio Rodríguez, quixo destacar a importancia de que o Laber Xiria estea de novo entre os mellores, xa que «por ser algo habitual, non deixa de ter relevancia». Tamén quixo agradecer o esforzo que realizan todo o ano, e, nomeadamente, nestas datas, as familias dos xogadores para conseguir os medios que permiten que estas citas teñan lugar en Carballo.
Tríptico do Sector: