O Garaysa Xiria A xogará finalmente en Liga Prata logo dun fin de semana onde os nervos e as precipitacións no primeiro encontro pasáronlle factura á hora de conseguir ese billete á Liga Ouro.
O venres enfrontáronse ao Balonmán Lalín, nun encontro onde os de Carballo non conseguiron estar nunca no choque, e as perdas de balón e os fallos de lanzamento mermaron moito a todo o equipo.

O sábado, o rival era o gran favorito para esa primeira praza, o Balonmán Culleredo. O partido comezou con moita intensidade e rapidez, pero os carballeses non puideron seguir o ritmo que marcaba o encontro e xa ao descanso, os visitantes tiñan un renta de máis de 10 goles, que chegados ao final foron aumentando para levarse unha clara vitoria.

No encontro do domingo, e xa sen opcións de acadar a praza en Liga Ouro, visitaba Carballo o Seis do Nadal, e viuse a un Garaysa Xiria máis solto e con máis alegría á hora de xogar, onde tiveron que tirar de remontada para levarse o duelo e acabar así o play off con moi boas sensacións e xa pensando en intentar gañar a Liga Prata.
O Garaysa Xiria A e o Garaysa XIria B comezarán a liga o 11 de outubro, nun calendario aínda por confirmar.


