Xusta derrota do Garaysa Xiria en Cangas

Partido da terceira xornada da división de honra infantil masculina, o Garaysa Xiria visitaba a dificil pista do Gatañal. O seu rival, o Luceros, demostrou porque é un dos favoritos ao título, nun partido que todo lle saíu de fronte.

Así, o encontro desenvolvíase moi igualado nos primeiros compases; a intensidade e o ritmo de xogo presaxiaban un partido moi físico. O Luceros levaría unha pequena vantaxe de 3 goles mediada a primeira metade; pero o Garaysa quería manterse firme, aínda que o desgaste pagaríao moi caro e cando o marcador ía 14 a 12 a falta de 6 minutos; os locais facían un parcial de 7 a 1 que deixaría aos carballeses moi tocados ao descanso. 21 a 13.

Na continuación, tentaríao o Garaysa Xiria, que se atopou co bo facer da portería rival e a diferenza iríase ata os 10 goles. Xa co paso dos minutos os locais non deixaron de correr en todo o partido aproveitando a todos os seus xogadores e mantendo a intensidade ao encontro, o que unido ao baixón dos carballeses levou o marcador ao 39 a 27 final.

Deberá madurar este equipo, e adquirir a experiencia competitiva necesaria, para saber manterse no partido durante os 50 minutos, sen arroxar a toalla e realizando as tarefas necesarias para seguir mellorando para próximos compromisos. A marxe de mellora é grande, e os adestramentos unha das claves para a formación.

Incidencias: Partido disputado no pavillón O Gatañal ante un centear de seareiros de ambos conxuntos. Colexiado: Erik Fernández do colexio galego. Non influiu no resultado, pero estivo errático nas exclusións, castigando en demasía os visitantes e permitindo os locais saír impunes.

GRUPO SALCO LUCEROS 39 ( 21 + 18 ): Manuel Meira, Pablo Rodríguez, Manuel Barreiro, Hugo Da Silva, Hugo Garles, Iago Iglesias, Alberto Culinas, Gael Blanco, Miguel Hermoso, Álvaro Rosales, Arturo Rodríguez, Elías Aakcha, Xoel Gómez, Manuel Pérez, Gabriel Churen.

GARAYSA XIRIA 27 ( 13 + 14 ): Darío Calviño [p], Mateo Pallas [p], Andrés García, Ángel Viña, Esteban Puñal, Alberto Suárez, Julián García, Martín Fuentes, Juan Martín Fajardo, Alberto Rodríguez, Miguel Goimil.