Os equipos de base e o senior feminino preséntanse como locais

Imos á xornada dúas da 1ª Estatal; o Calvo Xiria estréase a domicilio no pavillón municipal O Consello. Enfrontarase ao Carnes Doribiero-Ourense o sábado 28 ás 19:00.
O conxunto de Carballo quere continuar na liña de traballo habitual e prepara o encontro coa máxima esixencia a propósito de que os locais queren estrear a súa marcadora……¿Conseguirá o Calvo Xiria manter o ritmo de xogo a domicilio?.Para iso o preparador Adrián Dubra, conta coa baixa segura de Fary, e as dúbidas de Enrique Pena que segue sen adestrarse e Chimpo que vai entrando no grupo aos poucos despois da súa lesión. O nivel e o compromiso do grupo fará o necesario para non botar en falta a ningún xogador, xa que a tempada é longa e todos teñen que achegar para lograr o obxectivo.
 
O outro conxunto senior da entidade, o Goldie Xiria feminino, comenza a sua andaina na primeira autonómica da categoría está fin de semana. Será o Domingo as 12:15 no Vila De Noia. 
As rapazas de Xiria están ansiosas e ilusionadas por empezar a competir e amosar o bo facer que xa demostraron en anteriores campañas. O positivismo destaca nun plantel que ten como obxectivo continuar a crecer sin marcarse un límite, sempre ca convición de que o traballo diario fara posible alcanzar cotas altas. Esta fin de semana visita Carballo o BM. Caselas e as bergantiñáns desexan sumar os dous primeiros puntos ante os seus seareiros.
 
Para empezar a xornada de balonmán, o sábado pola mañá gozaremos dos equipos masculinos de división de honra de base, que chegan á xornada 2 con pleno de vitorias e con ganas de estrearse como locais.
Ás 10:30 os infantís do Garaysa Xiria enfrontaranse ao Bm Narón no Ceip Fogar; coa ilusión de seguir sumando de dous en dous. Á mesma hora, pero no Vila de Noia, os cadetes do Grupo Lemaco Xiria, enfróntanse ao SD Teucro, un rival que se viu reforzado coa desaparición do Academia Octavio e que pelexará polos postos altos. Os de Xiria deben elevar o nivel defensivo e mellorar no 1×1 para parar ao seu rival. Na continuación; ás 12:15 os xuvenís do Laber Xiria tamén se enfrontarán ao SD Teucro; o equipo vai collendo ritmo despois do difícil encontro que lles expuxo Lavadores a semana pasada. Dotar á defensa de maior iniciativa e ser capaces de dar continuidade ao ataque de maneira constante será un dos seus principais valores para facerse cos dous puntos e seguir a progresión.
 

No referente as rapazas, as infantís do Punta Del Este tamén xoganeste sábado na súa estrea como locais as 12:15 no pavillón CEIP Fogar. As miniguerreiras do Xiria teñen unha nova cita ligueira e mediranse nesta segunda xornada ao Rasoeiro Bm. Será o primeiro encontro na casa para as carballesas, que deberán mellorar o xogo amosado contra o Cangas para poder facerse cos primeiros puntos en Liga.Para este encontro estarán todas as xogadoras dispoñibles, incluida a nova fichaxe Alba Pereiro, que poderá disputar este fin de semana os primeiros minutos co equipo.

No caso das cadetes do Hierros Varela Urbieta, sairán a escea o Domingo. Xogarán o seu segundo partido na División De Honra e será a estrea como local ante a súa afección.Despois de ter o primeiro contacto coa categoría na pista de O Gatañal (Cangas) a pasada fin de semana, as carballesas reciben o Domingo ás 10:30 no Vila De Noia ao EDM Salceda. É este un enfrontamento que xa se producÍu fai vinte días no Play- Off de ascenso celebrado en Lalín e no cal as de Xiria saíron vitoriosas por un resultado de 24-15. A pesar da diferenza naquel encontro, as de Caselas non serán un rival fácil, xa que a confrontación anterior foi igualada ata os últimos instantes (10-10 ao descanso) e posúen xogadoras dun bo nivel que xa demostraron poder competir co conxunto bergantiñán do teu ao teu. Por tanto, se as rapazas do Hierros Varela Urbieta desexan conseguir os dous primeiros puntos ante a súa afección, deberán de completar sesenta minutos a un bo nivel e amosar un tón defensivo moi alto.