O pasado sábado, o Calvo Xiria Feminino afrontaba un compromiso clave ante un rival directo na loita por unha das prazas que dan acceso a disputar a Final Four ao remate da tempada. O encontro presentábase moi igualado fronte a un conxunto con xogadoras experimentadas e de gran envergadura física, factores que a priori podían complicar especialmente o ataque do equipo carballés.
CALVO XIRIA 24 – BALONMÁN SAMERTOLAMEU 22
O inicio do partido estivo marcado pola intensidade defensiva de ambos equipos. Tanto a defensa carballesa como a do conxunto de Moaña amosáronse moi contundentes, dificultando enormemente que os ataques atopasen situacións claras de lanzamento. Nese contexto de igualdade, o equipo local conseguiu abrir pequenas fendas no marcador grazas a varias recuperacións de balón e rápidos contraataques. Porén, a diferenza non lograba ampliarse debido á solidez da defensa visitante e a que, pouco a pouco, o rival comezou a asentarse no ataque, xerando numerosas situacións de perigo a través da súa pivote.
Así transcorreu a primeira metade, co conxunto carballés consciente da necesidade de mellorar a defensa sobre a liña de seis metros. A pesar diso, as locais lograron marchar ao descanso cunha vantaxe de dous goles.
Tras o paso polos vestiarios, o encontro mantivo unha dinámica moi similar. O equipo carballés intentou imprimir máis ritmo ao xogo para correr e ampliar distancias no marcador, aínda que seguía sufrindo en defensa ante potentes accións de un contra un e o xogo coa pivote rival. En ataque, o equipo conseguiu xerar máis ocasións claras nesta segunda metade, aínda que non sempre logrou transformalas.
A pesar desas dificultades defensivas en determinados momentos, o conxunto local mantívose moi sólido e regular durante toda a segunda metade. As diferenzas no marcador variaron lixeiramente, pero sempre co equipo carballés por diante, ata chegar ao final do encontro cunha vantaxe de dous goles que certificaba unha vitoria de gran valor.
Este triunfo, unido á derrota doutro rival directo como o Brigantium, asegura ao Calvo Xiria Feminino cando menos a quinta posición na clasificación e, polo tanto, unha praza na Final Four que decidirá o desenlace da tempada. Un premio ao gran traballo e á notable campaña que está a realizar o conxunto carballés.


