ACADEMIA OCTAVIO 31 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 35

Academia Octavio: 31 (14+17): Chantada, Xacob (2), Victor (3), Ismael (7), Gonzalo (5), Pablo (3),Rodrigo -equipo inicial- Petar, Álex (1), Pablo (1), Correa (1), Barros (5), Bruno, Antón (3).

Ifecgás Pereira Xiria: 35 (15+20): Zúpez, Bouzas (5), Martín (2), Javi (2), Miguel (4), David (13), Rubén Gómez -equipo inicial- Edu (2), Mario (2), Calvete, Anes, Iván, Álex (4), José.

Colexiados: Aarón Sestay e Iago García.

Partido correspondente a segunda xornada da segunda volta da División de Honra en categoría xuvenil.

Era un partido crucial para os intereses de un e outro conxunto. Os dous están chamados a competir polo título do campionato ao final da presente liga, pero os de Carballo acudían o envite con cinco puntos de vantaxe sobre os locais e comandando a clasificación.

A importancia dos puntos notouse dende o principio, tanto pola intensidade que puxeron os equipos na pista como polo fervor que se estaba a vivir nas bancadas.

A primeira parte foi moi igualada, un toma e daca por parte de cada un dos conxuntos que non deixaban nada para o final e por contra mostrábanse tremendamente xenerosos no esforzo de cada un dos seus xogadores. O escenario presentaba un espectáculo vibrante e intenso para todos os alí presentes. Os “golpes” sucedíanse indistintamente a favor duns e outros, pero os de Xiria, que entraran como un ciclón no encontro, poñendo terra de por medio, comandaban o electrónico con vantaxes curtas superado o meridiano do inicio. 14-15 no descanso e todo por decidir cara a reanudación.

Pouco variou o contexto na segunda metade; o Xiria mandaba, pero o Octavio pelexaba ata a extenuación e conseguía poñerse por diante mediado este segundo acto. O xogo con dous pivotes que planearan os locais estaba a facer moito dano á retagarda do Ifecgás Pereira. Pero alí estaban os rapaces de Carballo para mostrar o seu bo facer. Non había presa, nin existían nervios, tan so madurez e concentración para xogar os minutos máis difíciles co marcador en contra. Pouco lle duraba a ledicia os olívicos, xa que os bergantiñáns non tardaron moito en adiantarse de novo para xa poñer tres goles de por medio que eran imposibles de superar nos últimos minutos do partido polo equipo local.

Esta fin de semana dous encontros para os carballeses. O venres, ás 19.30 h no Vila de Noia, o Ifecgás Pereira Xiria recibe ao terceiro clasificado, o Teucro de Pontevedra, nun partido que foi aprazado no seu día polas goteiras que deixaban impracticable o parqué do Vila de Noia. Outro encontro de suma importancia contra un rival que está a seis puntos do carballeses, pero con un encontro menos que de gañalo deixaría unha distancia de tan só catro puntos.

Na mañá do domingo, o Ifecgás Pereira volta a competición, neste caso contra o Bm. Porriño e tamén no Vila de Noia. Dous partidos transcendentais cara a clasificación final, contra dous estupendos rivais que xa lles complicaron as cousas os bergantiñáns en enfrontamentos anteriores.