ACADEMIA OCTAVIO 39 – DECORACIONES J. BELLO XIRIA 30

Academia Octavio: 39 (18+21): Oliveira, Antón (4), Rogelio (7), Dani (2), León (8), Rubén (10 ),Xurxo (2) -equipo inicial- Andrés, Iglesias, Álex(2), Pedro, Veiga, Adrián (3), Núñez (1).

Decoraciones J. Bello Xiria: 30 (15+15): Buño, Iván (3), Óscar (2), Diego (3), Dani (2), Enrique (3), Alberto (5) -equipo inicial- Miguel (1), Julián (6), Lolo (5), Gabriel, Jorge.

Colexiados: Iago García e Aarón Sestay.

O Decoraciones José Bello Xiria segue a demostrar partido a partido e xornada a xornada a súa gran melloría. Dende que o equipo empezara a adestrar, aló polo mes de xullo e iniciara a competición de Copa no mes de Setembro, os xogadores carballeses están a mostrar un camiño claramente ascendente, tanto no apartado colectivo como no individual.

No partido que o enfrontou ao Academia Octavio de Vigo, equipo que actualmente ocupa a segunda praza da táboa clasificatoria con tan só unha derrota, os bergantiñáns deron unha mostra máis da progresión deste conxunto. Os números falan pos si sós:

. No partido de copa disputado en Vigo no mes de Setembro o resultado foi 45-28 (27-14 no descanso) para o equipo olívico.

. Na segunda xornada de liga, no mes de outubro, o resultado tamén favoreceu os vigueses, desta volta por 21-33 (12-27 no descanso).

. Nesta xornada que nos ocupa, os de Xiria mantiveron a igualdade durante toda a primeira parte con alternativas no marcador para irse ao descanso cunha pequena desvantaxe que mantiña as espadas por todo o alto cara á reanudación, 18-15.

Na segunda metade os locais apertaron o acelerador. A intensidade defensiva e os lanzamentos dende lonxe da súa primeira liña facían estragos na retagarda dos carballeses para abrir brecha cun 4-1 de parcial nos primeiros compases e 8-2 algo máis tarde. Cando todo parecía visto para sentencia, os de J. Bello respondían cun empuxe de orgullo e perforaban a portería olívica con suma facilidade, tanto no ataque posicional como nos contraataque en segunda oleada.

A saída en tromba do Octavio na segunda parte foi definitiva e xa non houbo tempo para máis. O 39-30 do remate mostra con orgullo o bo facer dos carballeses contra un equipo practicamente de segundo ano na súa totalidade.

A vindeira fin de semana o J.Bello dobrará xornada e enfrontarase o venres, ás 17.15 h no Vila de Noia, ao Teucro (partido suspendido no seu día) e o domingo pola mañá ao Bm. Porriño.